Sala Karma, primeira parada da xira de presentación de 'Calypso', o primeiro disco de The Grave Dolls
Por Alejandro Espiño
Hai apenas dous anos, cinco mozos pontevedreses decidiron xuntarse e probar sorte no complicado mundo da música. Hoxe poden dicir, orgullosos, que son un dos grupos máis recoñecidos da escena emerxente pontevedresa. Unha traxectoria que The Grave Dolls, formado por Luís (voz), Álex (guitarra), Sito (batería), Héctor (baixo) e Gregorio (teclista), completa agora coa edición do seu primeiro disco, Calypso.
Luís Otero, vocalista da banda, explicou que o disco, financiado a través dunha exitosa campaña de 'crowfunding' por Internet, gravouse no estudo Litium Records de Pontevedra. Nel, ademais dos membros de The Grave Dolls, colaboraron Rafa Darrosa como técnico de son e o músico Peligro Sánchez como productor. Posteriormente foi masterizado en Suecia, onde se lle deu un característico son "añejo e setenteiro".
"Estamos moi contentos co resultado", explicaron os membros de The Grave Dolls. No disco, cuxa portada foi deseñada pola artista Iria Paz, o grupo dá renda solta ao seu coñecido estilo musical, un rock con toques psicodélicos. Un son puramente setenteiro con enérxicas guitarras e voces desgarradas que fan que os seus directos sexan toda unha descarga de adrenalina, como se puido comprobar recentemente nos 15 Bolos.
A presentación do disco terá lugar este venres, a partir das 21.00 horas, en Sala Karma. Será o inicio dunha pequena xira en Galicia. Entre as súas principais citas está un concerto cos italianos Black Rainbows no Café Berlín (Ourense), o próximo 18 de outubro. "Será unha xira menos intensa que a do primeiro ano, pero sairemos máis", sinalaron desde a banda, con bolos en Madrid, Barcelona ou Málaga.
The Grave Dolls é unha mostra de como Pontevedra situouse con forza no circuíto musical emerxente. "Non temos nada que envexar a cidades como Vigo, Santiago ou A Coruña", afirmou o cantante da banda, un grupo que foi posto como exemplo polo concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Junquera, de como a colaboración municipal pode axudar a que proxectos como o seu poidan comezar a rodar.