Poesía, fotos e música con Xela Arias como protagonista para reivindicar o galego
Por Redacción
Nove mulleres no escenario, cinco músicas da Banda da Loba e catro poetas galegas contemporáneas, cos retratos de Xela Arias como fondo, foron as artífices do acto celebrado hoxe pola Deputación para homenaxear á poeta á que este ano se lle dedican as Letras Galegas. O espectáculo celebrado na praza da Ferraría foi a estrea da programación da goberno provincial que se estenderá ao longo de todo o ano baixo o lema ‘365 días en galego’.
No evento estiveron presentes, ademais da deputada de Lingua, María Ortega, como anfitrioa, a deputada de Cultura, Vitoria Alonso; as representantes do goberno provincial Noemi Outeda, Manuel González e Gregorio Agís, do grupo do PP, Elena Estévez e Paz Lago;, así como a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces, e integrantes doutros concellos da comarca e entidades relacionadas coa lingua.
Foi María Ortega a encargada de dar a benvida, felicitándose de que no día de hoxe o tempo permitise o acto –aprazado o pasado 14 de maio pola choiva- e aproveitando tamén para chamar á xente nova a falar o galego de maneira orgullosa como parte da súa identidade, e para destacar a forza e orixinalidade da obra de Xela Arias, sobre a que a Deputación continuará programando eventos ao longo de todo o ano.
O espectáculo comezou cun vídeo da propia Xela Arias lendo un dos seus poemas, unha peza moi singular por ser o único documento audiovisual existente dela sobre a súa obra. Despois chegou a quenda da música e da poesía, que se foron alternando de maneira dinámica virando ao redor da obra da poeta.
Na parte da poesía, comisionada por Tamara Andrés, participaron en vivo Helena Salgueiro, Vanessa Glemsel, Nuria Vil, e Estíbaliz Espinosa en intervencións performance que buscaban a reflexión do público sobre desigualdades sociais e temas de actualidade.
Na parte da Banda da Loba, os poemas musicados foron escollidos de entre os catro poemarios publicados por Xela Arias: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).
As propostas de musicalización que se escoitaron no repertorio foron variadas, desde a transformación dos poemas en cantigas respectando totalmente o texto orixinal da autora -como en Denuncia do equilibrio-, ata composicións dunha letra como a de ‘Tigres coma cabalos’, no que partiron de versos e estrofas tomadas deste poemario para engadirlles a propia achega literaria da banda tentando empregar os recursos fónicos, gramaticais e estilísticos propios de Xela Arias, ata completar a letra do tema musical.
Segundo explicaron as integrantes da banda, noutras pezas optouse pola liberdade de xuntar algúns dos poemas da autora, como en ‘Darío a diario’, o poema do libro homónimo, no que colleron prestados como apoio algúns versos doutros dous textos; así como para ‘ Hasme oír’, no que teñen cabida catro dos poemas de ‘ Intempériome’, algúns tan breves como ‘Vencerse é cousa/ de tratarse’, versos que daban título ao espectáculo poético-musical que Xela estaba a preparar no outono de 2003.
Relacionadas:
-
Unen poesía e fotografía no concurso escolar 'Lebres coma gacelas' que homenaxea a Xela Arias
Por Redacción |
-
A Banda da Loba e catro poetas reivindicativas homenaxean a Xela Arias este xoves na Ferrería
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación recupera este xoves o espectáculo 'X Xela' para celebrar as Letras Galegas
Por Redacción |
-
A chuvia frustra a homenaxe a Xela Arias en Montero Ríos
Por Redacción |
-
Xela Arias será homenaxeada pola Deputación cun acto multidisciplinar polo seu compromiso coa "lingua, a cultura e a igualdade"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |