A reforma do Teatro Principal incluirá iluminación dixital, un ascensor e aseos adaptados
Por Alejandro Espiño
Lograr un equipamento "moderno, competitivo e adaptado a todas as persoas". Ese é, segundo o goberno municipal, o obxectivo das obras de reforma que se van a realizar no Teatro Principal de Pontevedra. Nelas investiranse uns 439.000 euros, repartidos en dúas anualidades.
A primeira fase desta reforma, que custará 284.000 euros, executarase xa durante este ano 2021. As obras terán un prazo de execución de tres meses e establecerase un plan de traballo que permita, na medida do posible, compatibilizar a reforma coa actividade do edificio.
Este proxecto, explicou Anabel Gulías, ten a finalidade de "buscar a excelencia" nos equipamentos culturais e, neste sentido, lembrou que o Principal é un edificio "emblemático" polo que pasa "forzosamente" boa parte da actividade cultural da cidade.
A reforma do Teatro Principal terá tres "pilares fundamentais", segundo a portavoz do goberno municipal, comezando polo reforzo estrutural do edificio, que se realizará na área do escenario e que estará ligada á substitución de todo o sistema de iluminación.
En materia de accesibilidade universal, o proxecto inclúe a reforma dos aseos da planta baixa, que serán adaptados para que poidan ser usados tamén por persoas ostomizadas, e a instalación dun ascensor no vestíbulo principal.
Este ascensor, que terá unha cámara transparente para minimizar o seu impacto visual, permitirá acceder a todas as plantas do Teatro Principal, desde a -1 (onde están os camerinos e as salas técnicas) ata a terceira, onde hai unha sala de usos polivalente.
A terceira das actuacións é a que permitirá que este equipamento cultural "pase do analóxico ao dixital". Substituirase todo o sistema de iluminación que, ademais de ser máis profesional e estar adaptado ás necesidades actuais, apostará pola tecnoloxía LED.
Isto supoñerá, apuntou Gulías, un aforro enerxético de case un 90% e permitirá as mesturas de cor mediante un control dixital.
Implicará o desmonte da infraestrutura existente, incluídos os cadros e o cableado, a instalación do novo sistema, cambios nas consolas de control ou a substitución das lámpadas.
No ámbito da modernización dos equipamentos municipais, Anabel Gulías destacou que o Concello leva investidos 4,5 millóns de euros nos últimos anos, entre outros, no edificio de Michelena 30, a nova sede de Ferreiros ou o edificio da Redeira en Santa Clara.
A eles sumaranse, ademais do Teatro Principal, a casa do concello da Praza de España ou a reforma do Centro Sur, en Campolongo, que segundo o goberno municipal será o equipamento sociosanitario " máis potente" de toda a historia do Concello.
Relacionadas:
-
A mellora do Teatro Principal obriga a trasladar as actividades programadas a outros espazos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Reordenan o soto de Michelena 30 para situar nel os servidores informáticos do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Destinan 440.000 euros a cambiar a iluminación do Teatro Principal e dotalo dun ascensor e aseos adaptados
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello reorganiza os postos de traballo de varios servizos para unha maior axilidade
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra incorpora 14,6 millóns ao seu orzamento para financiar 52 novas actuacións
Por Alejandro Espiño |
-
O Pazo 'absorberá' a actividade cultural do Principal durante as obras de reforma
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra reformará o Teatro Principal e disolverá o organismo autónomo do Pazo da Cultura
Por Oskar Viéitez |