Xa se pode visitar a mostra 'Fazendo Camiño' sobre o espazo Xacobeo entre o norte de Portugal e Galicia
Por Redacción
Xa se pode visitar a mostra 'Fazendo Camiño' na sala de exposicións do edificio autonómico en Pontevedra. Á inauguración, celebrada este venres no edificio administrativo de Campolongo e á que asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, está impulsada pola Axencia Turismo de Galicia e Turismo de Porto e da Rexión Norte de Portugal e que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 11 de xullo.
A mostra está formada por paneis autoportantes con imaxes de gran calidade e textos en galego, castelán, portugués e inglés, aborda o fenómeno histórico xacobeo das tres rutas de peregrinación lusas cara Santiago pola costa, o Camiño Portugués e o interior. Tamén explica a historia e as tradicións comúns de ambos territorios.
"Pretendemos seguir, no marco deste dobre Ano Santo 2021-2022, coa difusión dos camiños portugueses, que forman un espazo único, ben coidado, rico en natureza, patrimonio, gastronomía e cultura e que son seguros, saudables e ideais para facer o Camiño de Santiago en calquera época do ano", explicou López.
A exposición, comisariada por Francisco Singul, amosa de xeito visual e intuitivo a través dunha decena de capítulos todos os aspectos da chamada Vía Lusitana de peregrinación, que conta cos citados tres percorridos.
Trátase dun traballo no que misturan aspectos promocionais, turísticos, culturais e didácticos, e que se estreou o pasado mes de maio na localidade portuguesa de Barcelos e agora chega a Pontevedra. A Boa Vila cederá o testemuño a Tui, onde permanecerá exposta do 13 de xullo ao 28 de agosto no Edificio da Área Panorámica, para rematar a súa itinerancia en Porto.
Relacionadas:
-
Inaugúrase ‘Camiño. O camiño e as artes’ con obras de trinta artistas de Galicia e Portugal
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
'Écociña no Camiño', campaña da Xunta para impulsar a cociña autóctona e sostible entre peregrinos e turistas
Por Redacción |
-
Poio colaborará co Encontro Europeo de Peregrinación Xuvenil
Por Redacción |
-
Feijóo reivindica a Galicia en Fitur como "uno de los destinos más seguros del mundo"
Por Oskar Viéitez |