Vilagarcía será sede este sábado da primeira xornada da liga galega de break dance
Por Redacción
Deportistas de break dance de diferentes municipios da provincia tomarán este sábado o parque da Xunqueira de Vilagarcía para realizar as súas coreografías na que será a primeira xornada da liga Galega de Break que promove a entidade Vella Escola Cultura Urbana.
Esta primeira sesión inclúe tamén competicións en Viveiro, Lalín e A Coruña. O obxectivo desta liga é o de potenciar a práctica deste deporte, que será olímpico no 2024, a todos os niveis como unha alternativa deportiva e de lecer saudable para a mocidade. Para dar a coñecer esta disciplina, nas sedes da liga ofertaranse talleres formativos dirixidos ao público en xeral que queira iniciarse nesta disciplina deportiva.
A participación na liga autonómica está aberta a calquera persoa afeccionada ou practicante habitual desta modalidade. Os interesados deben inscribirse nas dependencias do Espazo Xove do Concello situadas fronte á gasolineira de San Roque.
A xornada desenvolverase de 16 a 20 horas no parque da Xunqueira, aínda que se trasladará á Praza dá Peixería en caso de choiva. A competición contará con tres formatos: batalla individual, por parellas e best trick. Haberá dous niveis, iniciación e avanzado, e para iniciar a xornada producirase unha fase de preselección á que lle seguirá unha eliminatoria.
Para pechar o día haberá unha demostración por parte dos membros do xurado antes da entrega de diplomas aos participantes.