SomosCultura, un web que agrupa os contidos en galego das redes sociais
Por Redacción
O estudante do Grao en Comunicación Audiovisual, Carlos Cerecedo, creou o web SomosCultura no marco do seu traballo de fin de grao, para "agrupar nun único lugar todo o contido en galego das principais redes sociais".
Nela os visitantes poden atopar os enlaces ás contas de streamers e youtubers que emiten en galego, a podcasts neste idioma ou aos perfís en plataformas como Spotify de artistas e grupos musicais.
Do mesmo xeito, SomosCultura tamén reúne unha escolma de influencers que se caracterizan polo uso do idioma, así como enlaces a diferentes contas de Twitter ou Instagram, xunto cun vínculo á plataforma Twitch en galego, que reúne unha serie de perfís nesta rede social.
Segundo explica Carlos Cerecedo ao Diario da Universidade de Vigo, con esta web trata de "dar resposta ao escaso consumo en galego na xente nova".
Deste xeito, este portal dá continuidade a unha iniciativa que arrancou no primeiro cuadrimestre cando, no marco dunha materia impartida polo profesor Paulino Pérez, un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, crearon Somos Cultura, unha serie de programas televisivos, difundidos a través de internet, que buscaban pór o foco na crise provocada pola covid-19 nas industrias culturais.
Entre eles, atopábase Carlos Cerecedo, que exercía como responsable das redes sociais do proxecto, que chegaron a sumar máis de 5.000 seguidores, o que, unha vez rematados os programas, levouno a tratar de darlle continuidade ao proxecto, enfocándoo desta volta no fomento do galego a través das "plataformas máis utilizadas pola mocidade".
Deste xeito, SomosCultura converteuse nunha plataforma web que, a día de hoxe, reúne enlaces a preto de 150 contas en galego en diferentes plataformas e redes sociais, e que ademais de contribuír a difusión do idioma, explica este alumno, busca tamén axudar aos creadores promocionando os seus contidos.
"Estudando os datos do uso da lingua galega na xente nova, decatámonos dun claro déficit no consumo de contido en galego", sinala Cerecedo, que desenvolveu esta análise para o seu traballo de fin de grado, no que tivo como titor ao profesor Xabier Martínez Rolán.