O musical que rende homenaxe a Michael Jackson regresa a Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Michael's Legacy, o musical que segundo os expertos é o mellor tributo que existe ao rei do pop, Michael Jackson, regresará a Pontevedra. Catro anos despois de verse na cidade por primeira vez, os pontevedreses terán unha segunda oportunidade.
Será o venres 19 de novembro, dentro dunha xira española que arrancou en Madrid e que levará a este espectáculo a máis dunha decena de localidades de todo o país. O escenario será, como a vez anterior, o auditorio de Afundación.
Este musical, apto para todas as idades, ofrece ao público unha escenografía e réplicas exactas das cancións orixinais de Michael Jackson, interpretadas por un elenco encabezado polo valenciano Ximo MJ que, desde os cinco anos, imita ao seu ídolo musical.
O artista está acompañado por un corpo de baile formado por once bailaríns, voces en directo e unha banda "co obxectivo de transmitir á perfección as mensaxes que Michael Jackson facía chegar en cada unha das súas actuacións", segundo destaca a promotora.
Todas as voces e a música interprétanse en directo neste musical da compañía Jackson Dance Company, que xa viron máis de 400.000 espectadores en todo o mundo.
As entradas para o espectáculo Michael's Legacy están á venda en Ataquilla.com a un prezo de 15 euros.