Chega a Ponte Caldelas un proxecto fotográfico internacional para revitalizar o rural
Por Redacción
Ponte Caldelas vai participar nun proxecto fotográfico internacional para revitalizar o rural.
Inside Out Project é unha iniciativa de arte participativa global. Consiste en que un grupo de accion local expón en espazos públicos retratos en branco e negro a gran escala de persoas da súa comunidade. Xuntas, crean unha obra de arte pública ao redor dun tema sobre o que queren xerar conciencia. Desenvolveuse en máis de 138 países onde 1.800 grupos de acción fotografaron a máis de 415.000 persoas.
Este proxecto foi creado polo artista JR que empezou a súa carreira pintando grafitis nas rúas de París. Un día atopouse unha cámara no metro da cidade e dedicouse por completo á fotografía. En 2011 gañou o premio TED que recoñece ás persoas que, cunha visión creativa, poderían xerar un cambio global.
Como parte do premio, recibiu un millón de dólares para financiar o seu desexo para cambiar ao mundo. Desde entón, JR dedicouse a difundir o seu proxecto para que se formen grupos de acción, que promovan a identidade das súas comunidades.
En concreto, o grupo de acción local Rural Revival de Ponte Caldelas persegue visibilizar a problemática derivada do abandono das zonas rurais en España, con cada vez menos actividade e menos redes de apoio.
A acción Rural Revival xa foi aprobada pola organización de Inside Out Project. A seguinte fase é desenvolver a sesión fotográfica. Esta terá lugar o día 25 de xuño en dúas quendas de mañá e de tarde en dúas localizacións diferentes: ás 12.00 en Anceu coliving e ás 16.00 horas na Casa da Cultura do Concello de Ponte Caldelas.
Se as persoas non poden participar neste horario é posible escribir un email a howdy@anceu.com para que a organización coordine sesións individualizadas.
Unha vez finalizadas as sesións de fotos, o material enviarase a New York para que o impriman e o envíen a Ponte Caldelas.
A pegada de carteis será o día 30 de xullo nas fachadas de edificios ou muros creando unha galería de arte ao aire libre. Os lugares escollidos para pegar os materiais serán zonas visibles do pobo grazas á axuda e intermediación do concello de Ponte Caldelas.