Chega "En ciclo de outono", seis novos concertos da Banda de Música de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Tras un intenso verán, a Banda de Música de Pontevedra ultima xa os concertos que formarán parte do seu tradicional ciclo de outono. Serán seis actuacións que, baixo a denominación, En clave de outono, servirán como "paso previo" ao seu ciclo de butacas, "no que haberá máis concertos", segundo adiantou o presidente da BMP, Adrián Silva, na rolda de prensa de presentación destes seis concertos.
Pero non por iso serán de menor calidade, xa que segundo o músico pontevedrés, "quixemos potenciar ao máximo este programa". Con En clave de outono, recoñece Adrián Silva, "non quixemos pasar de puntillas por estes concertos de tempada" e decidiron apostar por seis atractivos concertos cos que a Banda de Música de Pontevedra empeza a quentar motores de cara á súa próxima efeméride: cumprirá en 2014 o seu 110 aniversario.
Os seis concertos deste ciclo son os seguintes:
- Xoves 10 de outubro (Teatro Principal, 21.00 horas): Folk Songs. Trátase dun concerto no que se interpretará música tradicional de diferentes países como Irlanda, Grecia ou Estados Unidos. "ÿ un concerto moi atractivo e con diferentes estilos", explicou Adrián Silva.
- Domingo 27 de outubro (Teatro Principal, 19.00 horas): colaboración coa Banda Municipal de Beade (Vigo), unha "banda fantástica" coa que a BMP "volve a invitar a unha agrupación á nosa cidade".
- Domingo 10 de novembro (Teatro Principal, 21.00 horas): concerto con Isidro García Pintos, solista de acordeón. Con este concerto, a BMP "queriamos innovar e non vimos moitos casos nos que houbese acordeón máis banda". Farano cun músico pontevedrés, profesor no conservatorio de Madrid ata este ano. "ÿ un luxo que aceptase o convite", dixo Silva.
- Xoves 28 de novembro (Conservatorio Manuel Quiroga, 21.00 horas): homenaxe ao conservatorio polo seu 150 aniversario. Trátase dun concerto "non que intentaremos que os alumnos toquen como invitados", sinalan desde a BMP.
- Xoves 12 de decembro (Teatro Principal, 21.00 horas): As pombas de Carboeiro. A BMP repite este espectáculo no que contará coa colaboración do actor Borxa Otero.
- Luns 30 de decembro (Teatro Principal, 21.00 horas): Concerto de Nadal. Adrian Silva promete "sorpresas", porque será un concerto "moi intenso".