Atrásase dúas semanas o ciclo de cine ‘Ambienta’ por causa da meteoroloxía
Por Redacción
As previsións meteorolóxicas indican que esta fin de semana e nos comezos da seguinte haberá alta probabilidade de chuvia para Pontevedra. Por este motivo, a Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, tomou a decisión de adiar o ciclo de proxeccións audiovisuais ‘Ambienta’, que inicialmente estaba previsto entre o 2 e o 7 de xullo.
Desde a Concellaría xa se está traballando para trasladar toda a programación aos días comprendidos entre o luns 19 e o sábado 24 de xullo, mantendo a mesma ubicación na praza da Pedreira.
Así mesmo, desde o Concello de Pontevedra infórmase de que o cambio de datas tamén pode implicar ter que facer algún axuste na programación dos actos complementarios, como son os coloquios coas autoras, directoras ou participantes nas películas.
Unha vez se pechen as novas citas faranse públicos os cambios, que se poden consultar na propia web de ambienta.gal.
‘Ambienta’ é unha das novidades incorporadas á programación de verán ‘O son da rúa’, co que se pretende apoiar a visibilización da diversidade e converterse nun referente no panorama galego de proxección de cine LGBTIQA. Na escolla dos títulos colaboraron o Cineclube Pontevedra, Asociación Avante LGBT+, Novos Cinemas e FIC Bueu.