Música e arte visual para abrir o verán da biblioteca pública de Pontevedra
Por Redacción
A biblioteca pública de Pontevedra Antonio Odriozola xa deu a benvida ao verán e ofrece ao longo do mes de xullo obradoiros de música e artes visuais dirixidos á rapazada de 6 a 12 anos de idade.
Este martes comeza un obradoiro de lettering e arte visual dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos, que terá lugar todos os martes de xullo, de 11,00 a 12,30 horas. O obxectivo é achegarlles aos participantes o proceso de creación dunha mensaxe visual, mediante a combinación de texto e imaxes, coa satisfacción de que cada quen leve á práctica a súa propia idea.
O xoves día 8 arranca o obradoiro de historias e creación musical que se desenvolverá todos os xoves do mes. A través del, a rapazada de 6 a 8 anos afondará no mundo dos contos de xeito creativo e musical. Cada día, partindo da escoita dunha historia diferente, realizaranse actividades musicais de canto, baile e percusión relacionadas co conto e as personaxes. O horario das sesións será tamén de 11,00 a 12,30 horas.
Durante este mes, o público tamén terá dispoñible unha mostra de guías turísticas coas que coñecer diferentes rutas por España e Portugal e planificar así posibles viaxes nas vacacións.
Xa en agosto, neste mesmo espazo instalarase 'Sol, vacacións e cine', con películas para gozar do verán.
O público infantil disporá ao longo de dous meses da mostra 'Camiña Galicia: as rutas galegas do Camiño de Santiago', coa que o centro bibliotecario se suma á celebración do Xacobeo. Tamén no marco desta conmemoración, para o público xuvenil e adulto, instalarase en agosto 'O Camiño de Santiago por España'.
Ademais, durante este mes de xullo, do día 14 ao 28, chega a Pontevedra a exposición itinerante promovida pola Xunta no marco do Día das Letras Galegas 'Asinamos ser libres', a prol da difusión da vida, obra e contexto histórico de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano. A mostra inclúe fotografías de Xulio Gil, do arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo Edicións Xerais de Galicia. Trátase de 12 paneis que percorren a infancia, adolescencia, primeiros textos poéticos, o seu labor como tradutora e a experiencia da maternidade, entre outros aspectos da figura.
En xullo e agosto o centro bibliotecario abrirá no horario habitual do período estival, de luns a venres e de 8,30 a 14,30 horas.