Música con influencias dos 70 na Sala Karma cos barceloneses Cuzo e os vigueses Guerrera
Por Redacción
Sala Karma continua coa súa intensa programación cultural. Unha das bandas punteiras de Bcore, os barceloneses Cuzo, visitarán Pontevedra este xoves 1 de novembro. Será nun concerto que se celebrará ás 22:30 horas e no que presentarán o seu terceiro disco, Alquimia para principiantes (Bcore, 2011), entregando unha pequena dose da súa particular forma de modelar a música instrumental
Cuzo nacen da mente inqueda do guitarrista Jaume Pantaleón, un reputado músico da escena rock independente barcelonesa, coñecido polo seu pasado en 12Twelve, unha das mellores bandas que deu a escena rock independente nacional na última década. Xunto a Pep Caravante (batería) e Fermin Manchado (baixo) forma este trío orientado ao rock psicodélico e progresivo moderno e actual, pero con influencias do rock dos 70.
E para redondear a faena e o bo facer setenteiro, neste concerto na Sala Karma acompañaranlles os vigueses Guerrera, que están preparando a edición do seu primeiro traballo discográfico e que xa teñen uns cantos acólitos na cidade. Un grupo que se autodescribe como "un grupo de blues psicodélico con todo o gitanismo que levamos no sangue" e formado por actuais membros e exmiembros de grupos como Holywater, Ictus ou Cuzco.
As entradas para este dobre concerto, que custarán 4 euros de forma anticipada ou 6 euros en taquilla, pódense adquirir nos puntos de venda habituais, Rei Zentolo e Pequeno Karma.
Rock para Halloween e DJ's no Pequeño Karma
Ademais, Pequeno Karma acollerá este mércores 31 de outubro, a partir das 22:00 horas, unha festa de Halloween na que unha banda terrorífica formada por músicos pontevedreses, farannos gozar de versións rockeiras de populares cancións que van desde a década dos 60 ata os nosos tempos.
Será dous días antes de que chegue ao local o galego Isaac Peixes, un DJ amante do funk, soul ou o acidjazz, que o venres 2 de novembro actuará desde as 00:00 horas. Pertence ao colectivo acidjazzhispano.com e grazas aos seus eclécticas e bailables sesións conseguiu o apoio do sector, chegando a pasear os seus discos por clubs como Cafe 1001 (Londres), Moe Club e Kathmandú (Madrid), Superfly (Lugo), La Caja Negra (Oviedo), Reixa e Cachan (Santiago) ou A Festa dos Maniquíes (Vigo).