A cultura encherá Poio na temporada de verán
Por Redacción
A Concellería de Cultura de Poio busca, para este verán, fórmulas de lecer para persoas de todas as idades e que tamén poidan ser desfrutadas en familia.
Para iso, o programa 'Descubre o teu interior' contará con concertos, cine ao aire libre, andainas para descubrir o patrimonio local e obradoiros e así pór en valor diferentes espazos existentes no municipio e activar o sector cultural, apostando por artistas e profesionais da contorna.
Raquel Rodríguez, a titular deste departamento, deu a coñecer os detalles desta iniciativa, que se estenderá ao longo dos meses de xullo e agosto e que se integra dentro do programa global de Poio é Cultura.
A programación iniciarase con Soan Daquí o venres 16 de xullo cando, a Praza da Granxa de Campelo, acolla o concerto da Escola de Musica de Acordeóns. Dentro dese ciclo, o compositor de Combarro, Miguel Martínez, actuará no xardín da Casa Rosada o 1 de agosto. Este mesmo emprazamento acollerá o concerto de Marietta e Juan Mariño o xoves 12 de agosto; ruadas polas parroquias, a cargo de colectivos musicais do municipio, e o espectáculo do grupo O Fiadeiro, serán o 8 de agosto na Seca.
'Andainas Máxicas' será outro dos atractivos do programa. Segundo explicou Raquel Rodríguez, trátase de "roteiros que incluirán iniciativas culturais e estarán adaptadas ás crianzas, para que se poidan gozar en familia e, ao mesmo tempo, as nenas e nenos de Poio teñan ocasión de coñecer o noso patrimonio arquitectónico e natural". A primeira ruta será a dos muíños de Samieira (17 de xullo), e, o 24 de xullo, tocaralle á da fervenza do Pereiro. En ambos casos requirirase inscrición previa.
A música tamén será protagonista grazas a Pola Banda, no que se inclúe un concerto didáctico a cargo de Félix Rodríguez, coa Escola de Música de Moraña no parque de Costa Xiráldez o 21 de xullo. Previamente, o sábado 17, tamén haberá un concerto a cargo da Banda de Música de Candeán, dentro do ciclo O país das bandas, ofrecido de balde por Cultura no Camiño 2021.
Pola súa banda, as proxeccións ao aire libre serán na Praza da Granxa de Campelo e os exteriores do Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. As películas elixidas para formar parte de Cinema de Verán son 'Padre no hay más que uno' (venres 23 de xullo) e 'Aladdin' (venres 30 de xullo). Mentres, o Festivaliño percorrerá a Praza da Chousa, o adro da igrexa de San Salvador e a praza Alfredo Romay Besada de Samieira durante o mes de agosto, ofrecendo tamén filmes para toda a familia.
Finalmente, Rodríguez, acompañada pola edil de Normalización Lingüística, Marga Caldas, engadiu que "Vén a conto! ofrecerá unha biblioteca itinerante durante varios días do mes de agosto en zonas ao aire libre de diferentes parroquias". A esta actividade súmase un contacontos e un obradoiro de caligrafía creativa.
Segundo sinalou Raquel Rodríguez, todas as actividades cumprirán coas pertinentes medidas de seguridade contra a covid-19.
Relacionadas:
-
A Biblioneta de 'Ven a conto!' chega a Poio para fomentar a lectura
Por Redacción |
-
Arrinca este mércores o Festival Chalaniña na contorna da praia de Lourido
Por Redacción |
-
Lecer e formación conflúen na programación de verán para a mocidade de Poio
Por Redacción |
-
Poio recupera a Festa do Mar e a da Ameixa cun novo formato
Por Redacción |