Especialistas de Chile, Italia e Madrid avalían os filmes do FicBueu
Por Redacción
Especialistas de Chile, Italia e Madrid áchanse esta fin de semana en Bueu para pasar dous días visionando os filmes da Sección Internacional do FICBUEU, que celebrará a súa décimo cuarta edición entre o 10 e o 19 de setembro.
Carolina Astudillo, cineasta e docente chilena; o director italiano Carlo Sironi, e mais Carlos Reviriego, xornalista e programador da Filmoteca Española, encargaranse de seleccionar despois as obras gañadoras da Ánfora de Ouro, da Ánfora de Prata e dos once premios técnicos do Festival Internacional de Curtametraxes, mentres que para as mellores curtas galega, española e experimental haberá un xurado diferente, así como para os premios a centros educativos.
Carlos Reviriego foi coordinador en El Cultural e redactor xefe de Cahiers du cinéma en España, formando parte na actualidade do Consello de Redacción da súa herdeira, Caimán Cuadernos de Cine. Imparte clases de Cinema Contemporáneo e de Crítica en diferentes universidades. Escribiu o ensaio Elogio de la distancia. Dos miradas a un territorio e ten participado en numerosas publicacións colectivas. É membro do equipo seleccionador do Festival Mapfre 4+1 e de DocumentaMadrid, así como programador do Festival de Cine Alemán, amais de exercer como director adxunto e de programación da Filmoteca Española.
O traballo en investigación e creación de Carolina Astudillo ten como eixo artellador a muller e a memoria histórica, oscilando as súas pezas audiovisuais entre o cinema experimental e o documental. As súas primeiras longametraxes, El gran vuelo e Ainhoa, ya no soy esa, valéronlle numerosos galardóns, como senllas Biznagas de Prata no Festival de Málaga, e tamén as súas curtas foron premiadas e exhibidas en certames estatais e internacionais. Como docente, imparte cursos e palestras en centros españois e latinoamericanos.
Carlo Sironi comezou a súa traxectoria cinematográfica no eido da fotografía, para despois iniciarse na dirección. As súas curtametraxes foron recoñecidas en Venecia, Locarno, Torino, entre outros. Ao tempo, os seus proxectos foron seleccionados para participar en obradoiros de desenvolvemento en Cannes, Sundance ou na Berlinale. A súa primeira longa, Sole, estivo nominada aos premios David de Donatello e resultou galardoada nos European Film Awards.
Relacionadas:
-
O FICBUEU recupera a programación previa á pandemia
Por Redacción |
-
O actor Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2021
Por Redacción |
-
O FICBUEU empeza a conta atrás: proxectará 128 curtas de máis de 30 países do 10 ao 19 de setembro
Por Redacción |
-
'Ambienta', cinema pola diversidade sexual, de xénero e familiar do 2 ao 7 de xullo na praza da Pedreira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Deputación lanza "Aviventa a Cultura" unha extensa programación para "reanimar, fortalecer, protexer, incentivar" este sector
Por Oskar Viéitez |