'Vai de monólogos', cinco propostas artísticas na praza da Curtidoira
Por Redacción
No marco da programación de verán 'O son da rúa', o vindeiro mércores 14 de xullo dará comezo na praza da Curtidoira o ciclo 'Vai de monólogos'. Desenvolverase ata o domingo 18 e todas as actuacións terán lugar ás 21 horas.
Este ciclo achega cinco propostas que teñen como denominador común a narración oral e o humor, mais cada unha delas combina con outras disciplinas como a poesía, a música ou as artes escénicas.
A primeira das actuacións, o mércores 14, correrá a cargo de AldaoLado, o dúo formado pola poeta e música Lucía Aldao e a poeta e actriz María Lado e cuxos espectáculos se caracterizan polo seu formato de recital poético musicado con altas doses de retranca e ironía. Nesta ocasión achéganse a Pontevedra co espectáculo 'Furia necesaria'.
O xoves 15 será a quenda do espectáculo 'Nabiza Girl' a cargo da actriz Isabel Risco.
Será a oportunidade para coñecer e gozar das aventuras de Chelo García Naveira, máis coñecida como Nabiza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e poderes que proveñen do sulfato.
O venres 16 actuará o coñecido actor e director de escena, Cándido Pazó, que conta xa cunha ampla traxectoria sobre os escenarios; e o venres 17 será a quenda de Pablo Meixe, un dos monologuistas que están emerxendo no panorama galego nos últimos anos.
O ciclo remata o domingo 18 co espectáculo 'Chola, a it girl' a cargo de Artesa Cía, que se presenta como Compañía Escénica Transmedia e combina teatro con audiovisual. O espectáculo baséase na historia de Chola, mecánica de coches, blogueira e youtuber galega que é contratada por un teatro para presentar un monólogo sobre os avatares da súa profesión.
Todas as sesións, ao igual que todas as actividades de 'O son da rúa', terán lugar nun espazo aforado e no que son de obrigado cumprimento as normas de seguridade vixentes por mor da actual situación sanitaria.