Os Rías Baixas Fest pasan ao formato audiovisual para combater as violencias machistas
Por Natalia Puga
Os Rías Baixas Fest que botaron a andar esta semana co Vive Nigrán e o Atlantic Fest continuarán este ano coa loita contra as violencias machistas e a conciencia polo coidado medioambiental que xa comezaron en anos anteriores, pero a pandemia da covid-19 fixo cambiar o formato. Manteñen o seu "claro compromiso" coa igualdade e a sustentabilidade, pero van a expresalo a través do mundo audiovisual.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres en rolda de prensa as dúas campañas de sensibilización que se porán a andar durante os sete festivais deste verán.
A campaña pola igualdade retomará lemas de anos anteriores, 'Lembra, eu decido, ti respectas' para as mulleres e 'Conta comigo, eu respéctote' para os homes. Arredor desas dúas ideas, elaborouse un audiovisual coa participación de mulleres e homes do mundo da música, o cinema e o xornalismo que se vai proxectar en todas as citas.
No audiovisual participan Lidia Veiga (actriz); Camila Bossa (actriz e ilustradora); Sabela Arán (actriz); Marta Lado (actriz): Susana Pedreira (xornalista); Yara Juncal (bailarina); Guadi Galego (música); Uxía Senlle (música); Woyza (música); Ugía Negreira (música); Monti Castiñeiras (actor); Xulio Abonjo (actor); Luis Zahera (actor); Morris (actor); Xavier Fortes (xornalista); Kevin Juncal (bailarín); Xacobe Antelo (músico de Sumra) e Javier Abreu (produtor musical).
O obxectivo é "sensibilizar, concienciar, informar e formar á mocidade" e poñerán o foco sobre tres ideas: "o silencio non é un si; se a outra persoa está bébeda ou inconsciente, non hai consentimento e a outra persoa ten dereito a parar en calquera momento". Para logralo, poñen o foco en que os culpables son sempre os agresores, nunca as vítimas e as mulleres teñen papel protagonista.
Así, os homes que participan teñen un posicionamento "claro e rotundo" contra o machismo e un "apoio incondicional" ás mulleres que sofren violencia sexual a través de frases como 'Conta comigo' 'eu Respéctote' 'eu o teño claro, só si é si' ou 'eu posiciónome'. As mulleres, pola súa banda, trasladan a outra mensaxe: 'Lembra, eu decido, ti respectas'.
No festival Vive Nigrán que se celebra esta fin de semana e tamén no Revenidas do 10 ao 12 de setembro vaise proxectar o audiovisual na pantalla do escenario mentres que no Atlantic Fest (este sábado), o Sonrías Baixas (6 de agosto), O Marisquiño (8 de agosto) e o PortAmérica, a Deputación instalará unha traseira de madeira na que se colocará unha pantalla Led para exhibir a peza.
Nos festivais haberá tamén un QR que leve ao contido da campaña na web depo.gal e as campañas vanse difundir a través das redes sociais dos festivais e da propia Deputación.
Carmela Silva tamén presentou unha segunda campaña, centrada en promover a sustentabilidade. Neste caso, vaise instalar un photocall consistente nunha cesta e a imaxe de un globo, detrás da que se verá unha paisaxe da provincia, na que as persoas poderán fotografiarse.
"A idea é difundir a través das redes sociais e os selfies que se farán as persoas asistentes aos festivais, o importante patrimonio paisaxístico que ten a provincia", explicou Carmela Silva.
Relacionadas:
-
A Deputación lanza Mulleres no Foco, os Mestre Mateo da igualdade no audiovisual
Por Manu Otero |
-
Revenidas volve a Vilaxoán con actuacións en tres escenarios
Por Redacción |
-
O Festival Revenidas recupera os seus 'Concertos a bordo' con seis grupos musicais surcando a ría de Arousa
Por Redacción |
-
O SonRías Baixas 2021 vive o seu momento álxido co rap de Kase.O e SonDaRúa
Por Redacción |
-
Comezou o SonRías Baixas, que este mércores acolle a Tu Otra Bonita e Ciudad Jara
Por Redacción |
-
Seis xornadas de música para un SonRías Baixas que se reivindica como cita indispensable do verán
Por Redacción |
-
Arrinca este mércores o Festival Chalaniña na contorna da praia de Lourido
Por Redacción |
-
Todo preparado en Vilagarcía para os trece días de Atlantic Fest
Por Alejandro Espiño |
-
As Rías Baixas recuperan os seus festivais
Por Manu Otero |