Premios ao presente e o futuro da creación artística, a investigación e a cultura de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O presente e o futuro da creación artística, da actividade innovadora e da promoción e difusión da cultura en Pontevedra déronse cita este xoves no salón de plenos da Deputación. Xuntáronse para recibir os premios á Cultura 2012, Investigación 2012 e os galardóns do Certame Novos Valores de Artes Plásticas de 2013 outorgados pola institución provincial co fin premiar a creatividade e a investigación na provincia como alicientes para fomentar a cultura, a innovación e o desenvolvemento científico.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presidiu a entrega dos premios recoñecendo que os galardoados son "a mellor mostra dunha provincia culturalmente activa, dinámica, que cre na investigación e na creación cultural como motores de desenvolvemento e de progreso".
Fixo Louzán unha declaración de principios ao asegurar que "investir en cultura, en investigación e en innovación é investir en actividades que están chamadas a ser os piares da nova economía, a ser a base dun novo modelo económico no que Pontevedra, Galicia e España no seu conxunto temos vantaxes competitivas evidentes", pois, ao seu entender, "non hai futuro sen innovación, sen investigación, sen estudo e sen actividade creadora e transformadora".
Para confirmar esa aposta pola creación e a investigación reiterou o seu "compromiso, historicamente demostrado, de defender e apostar por unha provincia cada día máis culta, máis diversa, máis integradora e máis dinámica" e anunciou que o próximo ano a Deputación doblará o orzamento destinado á nova convocatoria destes tres premios.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, copresidiu o acto e salientou que esta convocatoria é "transcendental para o desenvolvemento cultural da nosa comunidade, para alentar o espírito creador e investigador, e a consciencia da realidade que recibimos, da súa importancia e da necesidade de conservala, nos seus valores de meirande significado".
Durante a súa intervención o conselleiro engadiu que "os premios que hoxe entregamos fálannos da vitalidade extraordinaria da provincia de Pontevedra, e tamén dun nivel de investigación, de creatividade artística, de iniciativas culturais e de traxectorias de persoas entregadas a estas áreas que amosa a brillantez destas facetas nesta luminosa provincia da estrema atlántica de Europa".
No caso dos Premios Provinciais á Cultura, o xurado recoñeceu a traxectoria artística do ponteareán Silverio Rivas Alonso, escultor de recoñecido prestixio que ten obras expostas nos museos máis importantes non só de Galicia senón tamén de fóra das nosas fronteiras. O artista protagonizou unha das anécdotas da gala amenizada polo cuarteto musical A cada canto ao renunciar aos 3.000 euros que leva aparellados cada premio para que se lle entreguen ao galardonado do ano 2014.
O resto dos premios culturais recairon na Banda Artística de Merza, a máis antiga de Galicia; a Agrupación Musical do Rosal; a Asociación Cultural e Xuvenil A Eira; e o Concello de Cuntis, no seu caso na categoría de Protección e Recuperación do Patrimonio Público polo seu labor de recuperación e dinamización do xacemento arqueolóxico de Castrolandín. O alcalde, Antonio Pena, dixo que visitar Castrolandín consegue que un se sinta "igual que cando cerramos un bo libro, que xa nunca volveremos a ser os mesmos".
No caso dos premios á Investigación 2012, orientados a promover a xeración de coñecemento científico na provincia, os galardoados son científicos e investigadores de Pontevedra (5), Vigo (2) e Lalín (1): Antonio Presas García, Ana María Rodríguez Martín, Alejandro Ramos Soto, Héctor Lago Almeida, Raúl De la Mata Pombo, Ana Sousa Hervés, María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes e Jorge Miguel Ayán Vila.
O primeiro premio dos galardóns Novos Valores recoñece a obra S/T de Antía Barba Mariño. O segundo premio é para Ana María González García por Creciendo entre sueños e o terceiro para María Fernanda Llovo Otero por El regalo mágico del conejito pobre al niño que casi fue príncipe.
Relacionadas:
-
Sentido recordo a Manuel Aramburu na entrega dos premios provinciais á Cultura e á Investigación
Por Redacción |
-
Os máis creativos e innovadores reciben os seus premios provinciais
Por Mónica Patxot |
-
Louzán apostará en 2014 por investir máis nas persoas malia que supoña unha reducción en infraestruturas
Por Redacción |
-
38 artistas seleccionados no certame Novos Valores expoñen as súas obras no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción |