'Le pianO du Lac', música e espectáculo para o Lago de Castiñeiras durante tres días
Por Redacción
O Lago de Castiñeiras será o escenario natural que acolla unha sorprendente coprodución entre a compañía asturiana La Xata la Rifa coa francesa Le pianO du Lac. Trátase dunha montaxe musical cun piano flotante.
Segundo explican desde o Concello de Marín, neste espectáculo dous flotadores catamaráns brancos, ciclopropulsados con dúas rodas-paletas, conforman a base sobre a que actúan artistas de Bretaña, Asturias e París ofrecendo unha viaxe de estilos musicais e artísticos con músicas do mundo, pezas tradicionais, vangardistas e tamén chanson française.
A actuación, de hora e cuarto de duración, forma parte da xira Xacobea 'O Camiño da auga'. O público deberá acudir cun kit de confort, consistente nunha pequena cadeira ou un coxín para seguir o espectáculo de maneira cómoda.
Catro intérpretes encárganse de ofrecer imaxes e un traballo sonoro espectacular coa pianista Violette Prevost; a multiinstrumentistas Solenne Garnier; o trompetista Damien Bajard e a bailarina Mónica Cofiño, segundo indicou a concelleira de Cultura Beatriz Rodríguez.
Para acudir é necesario reservar e adquirir entrada en liña nesta ligazón. O prezo das entradas é voluntario pero desde a organización lembran que é un proxecto autofinanciado e recomendan o pagamento de 10 euros ou de 15 euros como prezo colaborador.
As actuacións desenvolveranse durante os días 27, 28 e 29 de xullo a partir das 20.00 horas no Lago de Castiñeiras.