Aurora Lorda debuta cunha exposición no Museo Manuel Torres onde retrata a ollada feminina
Por Redacción
A fotógrafa Aurora Lorda debuta este martes cunha exposición no Museo Manuel Torres na que ofrece seis sentimentos a través das súas imaxes. A mostra titúlase 'A través da alma' e ofrece os traballos elaborados a partir do proxecto final de estudos que a moza realizou na Escola de Imaxe e Son de Vigo.
Esta artista ofrece, a través da modelo Sandra Fernández, diferentes expresións como a alegría, a tristeza, a vergoña, a ira, o amor e tamén o medo. Cada fotografía recolle esas sensacións acompañadas por unha localización, un vestiario, maquillaxe e iluminación concreta para fortalecer a mensaxe.
A concelleira de Cultura Itziar Álvarez destacou a importancia de abrir o Museo ás novas xeracións creativas, de maneira que acheguen propostas interesantes para o público xeral.
A exposición permanecerá aberta, de martes a domingo, ata o 28 de xullo en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, horario habitual do Museo.