O Museo de Pontevedra lembra a Laxeiro no 25 aniversario do seu pasamento
Por Redacción
O 21 de xullo de 1996, hai 25 anos, falecía na cidade de Vigo José Otero Abeledo, coñecido artisticamente como Laxeiro. O Museo de Pontevedra aproveita esta circunstancia para lembrar a súa figura a través das redes sociais e convidar os afeccionados á arte para visitar as obras pictóricas da súa colección que se poden ver na sala segunda da terceira planta do Edificio Castelao.
Este artista que formou parte da vangarda artística de Galicia a través do grupo 'Os Renovadores' naceu en Lalín en 1908 e emigrou a Cuba en 1921, en compañía da súa nai e o seu irmán para unirse ao seu pai.
Catro anos máis tarde regresa á súa vila natal. Laxeiro, animado polo pintor Colmeiro solicitaba en 1931 a bolsa artística da Deputación de Pontevedra que permitían formación en Madrid e viaxes por Europa para contactar coas vangardas creativas.
Ese ano denegáronlla e foi o Concello de Lalín o encargado de pensionarlo para acceder á Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid. En 1932 logra a bolsa da Deputación provincial e, desta forma, continúa formándose na capital española coincidindo con outros intelectuais procedentes de Galicia como Castelao e Otero Pedrayo, ademais de outros pintores como Urbano Lugrís, Manuel Torres ou Souto.
No ano 1933 regresaba a Galicia e entra en contacto en Santiago de Compostela con Maside, Luís Seoane ou Cunqueiro. A súa primeira exposición desenvolvíase, un ano máis tarde, na Facultade de Filosofía e Letras. As súas pinturas centradas no entroido, a maternidade e as escenas campesiñas móstranse en 1935 en Pontevedra.
O Museo Provincial conta con catro debuxos desta etapa: Romance de unha fatal ocasión, Vendedoras, Apunte e Apunte de anciano, obras que van do surrealismo á representación dos costumes galegos.
En 1940 reside en Pontevedra frecuentando os faladoiros intelectuais do Café Moderno. Alí pinta o mural Manancial da Vida. Ao ano seguinte, a Deputación de Pontevedra volve a ofrecerlle outra bolsa e o pintor ofrece como contraprestación as obras Retrato de mi hija e El baño, que foron depositadas no Museo.
En 1942 trasládase a Vigo cunha nova bolsa da institución provincial, pero continúa acudindo con frecuencia ao faladoiro do café Savoy. Desenvolve nesta etapa a temática infantil con obras como Personajes, que se atopa tamén no Museo, do mesmo xeito que Retrato de Manuel Quiroga e Homenaxe a Castelao.
A súa seguinte etapa desenvólvese entre 1951 e 1970 cunha viaxe a Buenos Aires. Nesta etapa ofrece diferentes rexistros plásticos como se comproba na mitolóxica Llegada del Rey Breogán a Galicia (1954), obra que pertence ao Museo.
En 1970 obtén a Medalla de Ouro da I Bienal de Arte de Pontevedra coa súa pintura Retrato do General Martínez Monge, militar republicano exiliado en Argenina. Ao longo destes anos pintou a mural Villancico para o propietario da Galería Velázquez de Buenos Aires, unha obra que ingresaba en 1999 no Museo Provincial, nove anos despois de ser levantada para evitar a súa desaparición.
Da súa última etapa artística, cando regresou a España para vivir entre Galicia e Madrid, o Museo conserva os debuxos Retrato de hombre con gafas e Retrato de José Barros Malvar. Durante este período traballou baixo a influencia abstracta. En 1985 recibía a Medalla de Honra na VIII Bienal de Pontevedra cunha mostra antolóxica da súa obra.
O Museo conserva dos últimos anos proxectos como Maternidade (1986) ou Sen título (1984); ademais de dúas obras sen título de corrente abstracta.
Relacionadas:
-
Dúas obras do Museo viaxan a Madrid na exposición itinerante ‘Foi un home. Laxeiro en América'
Por Redacción |
-
Unha ruta por Pontevedra seguindo a inspiración de Laxeiro
Por Redacción |
-
Visitas guiadas e obradoiros infantís para achegarse á figura de Laxeiro o Día das Artes Galegas
Por Redacción |
-
Instalación-homenaxe no Museo polo centenario do pasamento do pintor Francisco Pradilla
Por Redacción |
-
O Raíña Sofía exhibe dúas obras do galego Uxío Souto cedidas polo Museo de Pontevedra
Por Redacción |