O Museo de Pontevedra repasa a historia dos libros despregables a través de 100 exemplares de diversos países e épocas
Por Redacción
O Museo de Pontevedra organiza unha exposición composta por arredor dun centenar de exemplares de libros móbiles e despregables de diversos países, épocas e temáticas que ofrece unha visión sobre a historia, a técnica e a temática destes formatos bibliográficos cuxo uso se remonta ao século XIII.
A mostra, bautizada 'Pop-up. Libros Móbiles e despregables', poderá visitarse entre o xoves 29 de xullo e o 12 de outubro no edificio Castelao e, durante o mes de agosto, desde o departamento de Educación do Museo de Pontevedra levarán a cabo relacionados cos libros pop-up que estarán dirixidos ao público infantil.
O material exposto é unha escolma da colección de máis de 2.400 libros con elementos tridimensionais de papiroflexia pertencente a Ana María Ortega Palacios e Álvaro Gutiérrez Baños, que está integrada por obras procedentes de diversos países do mundo, incluíndo pezas orixinais desde o século XVII.
O Museo editou un catálogo con fotografías das pezas expostas e textos explicativos sobre a evolución destes materiais de gran potencial plástico e técnico, que poderá adquirirse na recepción do edificio Castelao trala inauguración da mostra o día 29, ou consultarse na Sala de Investigación situada no edificio Fernández López.
A exposición repasa os momentos máis importantes da historia destes volumes, desde que Ramón Llull empregou no século XIII o primeiro elemento móbil nun libro ata as actuais e sofisticadas arquitecturas de papel do norteamericano Robert Sabuda, prestando especial atención á súa idade de ouro datada a finais do século XIX, etapa na que destacan artistas-editores como Ernest Nister, Raphael Tuck e Lothar Meggendorfer.
A selección de pezas reflicte ademais a diversidade de técnicas empregadas na súa elaboración, como solapas, lingüetas, persianas, acordeón, teatriños, carrusel, entre outros, e explícase o proceso de ensamblaxe que pasa necesariamente por labores manuais realizadas en Colombia, Ecuador, o máis recentemente, China e o sueste asiático.