Arrinca este mércores o Festival Chalaniña na contorna da praia de Lourido
Por Redacción
Malabares, música, humor ou espectáculos ‘clown’ formarán parte dunha nova edición do Festival Chalaniña, que dará comezo este mércores 28 de xullo e se prolongará ata o domingo 1 de agosto en Poio, na contorna da praia de Lourido e do parque de Costa Xiráldez, na parroquia de San Salvador.
Esta iniciativa forma parte da programación estival Poio no Verán, deseñada pola Concellería de Festexos. O titular deste departamento, o nacionalista Xosé Luís Martínez, foi o encargado de dar a coñecer os detalles desta actividade na presentación que tivo lugar hoxe en Costa Xiráldez, á que tamén asistiron as concelleiras Raquel Rodríguez e Marga Caldas.
Martínez Blanco declaraba na presentación que o Festival Chalaniña "é xa un clásico do verán no noso municipio". Dada a situación da pandemia, por segundo ano, a actividade cumprirá con todas as medidas de control de aforo, hixiene e distanciamento establecidas polas autoridades sanitarias. "Ofrecemos á veciñanza e aos visitantes que se atopan en Poio gozando das súas vacacións unha oferta de lecer seguro", garantiu o responsable de Festexos.
Xosé Luís Martínez explica que outro dos obxectivos que persegue este festival é impulsar a reactivación da industria cultural galega, que se viu seriamente afectada pola pandemia.
PROGRAMA DO FESTIVAL CHALANIÑA
Todas as espectáculos do Festival Chalaniña están pensados para un público familiar. As actuacións serán ás 20.00 horas, con entrada gratuíta ata completar o aforo.
– Peter Punk co seu espectáculo Punkdemia inaugurará o programa o 28 de xullo.
– Seguiralle Aimar & Cía o 29.
– O Cirkompacto de Hells Brothers o 30.
– Cía Vaya o sábado 31.
– E o domingo 1 de agosto pechará o festival o espectáculo Pajarito - Isolada.
CONCERTO DE PELEPAU
Por outra banda, o domingo 1 de agosto, ás 21.00 horas, terá lugar no parque de Costa Xiráldez o concerto a cargo do grupo Pelepau. Trátase dunha formación composta por 11 percusionistas, todos eles mestres de música de recoñecida traxectoria profesional. O seu espectáculo baséase na adaptación de cancións populares da tradición galega mediante o uso de percusións e voces.
Ao igual que o Festival Chalaniña, o concerto de Pelepau será gratuíto.