Bueu prepara unha semana de conferencias sobre a vila, a literatura e o mar
Por Redacción
O Concello de Bueu organiza o ciclo de conferencias "O mar por diante", que se celebrará do 3 ao 11 de agosto na Sala Multiusos do Centro Social do Mar e que busca poñer en valor a historia da vila e recuperar as súas voces culturais e literarias ao longo do tempo.
Este proxecto, que naceu fai catro anos, comezará o 3 de agosto cunha conferencia a cargo do historiados local Arturo Sánchez, que explicará a relación da familia Riobó coa illa de Ons.
O 5 de agosto, os escritores locais Xaime Toxo, Miriam Ferradáns, Lucía Novas, Antón Mosteiro e Marta Currás dialogarán sobre a literatura e o territorio nunha mesa redonda que será conducida polo profesor local Salvador Castro na que pormenizarán as claves da creación e o papel de Bueu na súa literatura.
O 7 de agosto, as persoas que o desexen poderán gozar do roteiro cultural "Pegadas do territorio" que sairá ás 10 horas desde a prata de Pescadoira e chegará ao areal de Beluso ás 13 horas. Durante o percorrido lembraranse as figuras de Johán Carballeira, Torrente Ballester e outros escritores que viviron ou estiveron vinculados a estes espazos.
O 10 de agosto continuará o programa coa conferencia de Francisco Rodríguez sobre Torrente Ballester e os anos da Falanxe. Ao día seguinte Xoan Carmona pechará o conclo cunha panorámica sobre a conserva en Bueu e os seus protagonistas.
Todas as charlas terán lugar ás 20.30 horas e as persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente a través dun formulario desde a páxina web www.concellodebueu.gal.