Espectáculo, música e cine pechan a programación do Son do Verán en Monte Porreiro
Por Redacción
Espectáculo, música e cinema pecharán a programación do Son do Verán a vindeira semana. Será entre o luns 2 e o venres 6 de agosto, datas para as que o Concello de Pontevedra ten preparado 'Bule Bule Polas Prazas', 'Urbana Monte Porreiro' e 'Cine e Estrelas'.
Trátase de tres alternativas de ocio distintas e variadas, dirixidas a toda a veciñanza que queira pasar un bo rato. No caso da Urbana Monte Porreiro, o obxectivo é amosar a esencia da música urbana, con especial énfase na escena galega, a través de cinco concertos diferentes.
Segundo explicaron dende o Concello,nun principio estaba prevista a actuación da formación veterana de rap galego, Dios Ke Te Crew, pero finalmente non poderá actuar por motivos persoais. A banda elexida para substituílos será Rebeliom do Inframundo, que actuarán o luns día 2. A banda de rap combativo de Ponteareas ofrecerá unha proposta musical comprometida coa lingua.
Humor e festa traerá o grupo Ladilla Rusa, que actuará o martes día 3. O dúo barcelonés formado por Tania Lozano e Víctor F Clares mestura o electropop coa rumba catalá e outros estilos ben coñecidos na periferia barcelonesa.
O mércores día 4 subirá o escenario o dúo Boyanka Kostova, formado por Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho do Funk). Trátase dunha das propostas máis chamativas e con máis percorrido dentro da música urbana galega nos últimos anos.
Ao día seguinte será o turno de O Rabelo, que continúa afondando nas novas tendencias urbanas sen deixar de lado outras formas de tradición e música oral como a regueifa.
Por último, Verto pechará a programación de 'Urbana Monte Porreiro' o venres día 6, regresando a Pontevedra para mostrar a súas mesturas entre o pop e a electrónica con chiscadelas aos anos 80.
Todas as actuacións serán no Mirador de Monte Porreiro ás 21:00 horas.
Relacionadas:
-
A buligar polas prazas co inicio do 'Bule, Bule'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Nee Barros, Pitt Muffin e Joao Tomba pechan este luns 2 o ciclo 'Acústica na Parda'
Por Cristina Saiz & Redacción | Creada e actualizada
-
As Festas de Verán comezarán en xuño cun formato modificable e na liña da programación de 2020
Por Redacción |