O actor Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2021
Por Redacción
Alfonso Agra, o actor de Arzúa, recibirá o Premio Cinema Galego do festival FICBUEU deste 2021. Con este galardón recoñéceselle a traxectoria profesional na industria audiovisual.
En anteriores edicións, este premio era recollido por intérpretes da talla de Antonio Durán "Morris", Mabel Rivera, Luís Zahera ou Melania Cruz. Como é habitual nestes casos, o galardoado manterá un encontro co público para analizar e contar segredos da súa carreira artística. Será o sábado 18 de setembro ás 11.30 horas no CentroSocial do Mar acompañado polo realizador marinense Gaspar Broullón.
Agra comezou no mundo da interpretación na década dos oitenta coa compañía teatral viguesa Artello. Pero a fama chegoulle pola súa participación en numerosas series televisivas como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Serramoura. Nos últimos anos participou en 'Fariña' interprentando ao narco Manuel Bustelo e en 'El desorden que dejas', serie da plataforma Netflix.
Ademais presentou espazos informativos e programas de entretemento. Tamén traballou como actor de dobraxe en series como Dragon Ball dando voz a Yamcha. En películas viuse a súa calidade interpretativa en traballos como 'Entre Bateas', de Jorge Coira, ou en 'Heroína', entre outras.