A choiva condiciona as actividades nas rúas da Boa Vila
Por Oskar Viéitez
A inestabilidade do tempo deste verán tan pasado por auga condiciona as actividades programadas na rúa polo Concello de Pontevedra.
É o caso do faladoiro programado para este xoves no entorno do Gafos. A choiva fai que este non sexa o espazo máis cómodo para a súa realización, polo que a mudanza xa é oficial: O ciclo En3vistas refuxiarase no Teatro Principal.
Logo de dúas conversas de enorme interese, o ciclo En3vistas busca un espazo seguro no que a choiva se refire.
Por suposto, haberá un control nas medidas de acceso e o aforo estará limitado seguindo a actual normativa sanitaria. Non será precisa reserva e o acceso será por estrito orde de chegada. A cita será emitida tamén por streaming, tal e como se viña facendo.
Esta decisión só afecta, polo momento, á xornada de hoxe, con Carlos Blanco e David Amor.
En principio, a última conversa, o venres, entre Pili Pampín e Ortiga, desenvolverase na contorna da ponte do Burgo tal é como está programado. No caso de que a choiva volva facer aparición, avisarase da mudanza.
BULE BULE
A programación do Son da Rúa está preto de rematar e deixar paso a Semana da Peregrina 2021. Dentro das derradeiras actividades aparece no calendario 'Bule Bule polas prazas', un ciclo de espectáculos itinerantes que irá da man da diversión e da emoción polas rúas e prazas da Boa Vila.
Até dez shows distintos poderán ser vistos e gozados ao longo dos cinco días que dura o ciclo, que aposta pola variedade estética co obxectivo de sorprender e cautivar aos camiñantes da cidade, crianzas ou adultos, mesturando elementos como o disfraz, a percusión, o humor ou a danza.
Cada un dos espectáculos estará executado por un colectivo de artistas diferentes. Este mércores os encargados da animación foron Rivel e Brincadeira. E para este xoves está previsto que saían as 20 horas, Scura Produccións e ás 21 horas Troula Animación.
Relacionadas:
-
Cambios nas proxecións de 'Cinema e estrelas' na Pedreira
Por Redacción |
-
A buligar polas prazas co inicio do 'Bule, Bule'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Espectáculo a pé de rúa co 'Bule Bule Polas Prazas'
Por Redacción |
-
Volve o ciclo 'En3vistas' con Carlos Blanco entre os participantes
Por María José Pita |