A actuación de Arosa Bay e o recital da Mesa das Verbas trasládanse para o auditorio de Vilagarcía
Por Redacción
As condicións meteorolóxicas que se están rexistrando nestes principios do mes de agosto veñen de provocar o primeiro cambio na programación cultural e festiva do Concello de Vilagarcía para as vindeiras semanas. Así, y diante da previsión de chuvias, o concerto de Arosa Bay e o recital poético da Mesa das Verbas previsto para o venres na rúa García de Caamaño, xunto ao río do Con e a Praza de Abastos, trasládase ao Auditorio.
A hora (20:00h) mantense e o acceso segue a ser de balde. Sen embargo, quen desexa acudir terá que ter en conta que o aforo do auditorio é, nestes momentos, de 377 asentos, de acordo co estipulado polas autoridades sanitarias. Por iso, prégase ao público que acuda con suficiente antelación para facilitar o control de acceso e a adopción de todas as medidas de hixiene e distancia entre asentos.
"Arosa Bay" é unha agrupación musical de amigos, fundada no seno da asociación do mesmo nome en febreiro do ano 2014. Actualmente consta de oito compoñentes e o seu repertorio baséase en pezas melódicas cantadas e acompañadas por acordeóns, corda e percusión. Nos seus concertos buscan a participación do público ao interpretar valses, habaneras, boleros, etc.
Pola súa banda, A Mesa das Verbas aproveitará o ocasión para presentar en público o número 5 da súa revista póetica "Anaco", ademais de ofrecer un recital como complemento á actuación de Arosa Bay.