Esgotadas en tempo récord as entradas para o concerto de Xoel López en Poio
Por Redacción
As entradas para o concerto de Xoel López o sábado 14 de agosto no campo de fútbol Río de Bois, na parroquia de Samieira, xa están esgotadas. Segundo informou o concelleiro de Festexos, Xosé Luis Martínez, o reparto de entradas produciuse en menos de tres horas.
A apertura de portas será unha hora antes do inicio da actuación, é dicir, ás 21:00 horas e respectando todas as medidas de seguridade e hixiénicas marcadas polas autoridades sanitarias. Habilitarán cadeiras para que o público esté sentado e permanecerán colocadas coa separación necesaria, completando o aforo por orde de chegada. O uso da máscara é obrigatorio e non se permitirá acceder con bebida ou comida dentro do recinto.
O inicio do concerto está fixado para as 22:00 horas, onde Xoel López presentará en Poio o seu último traballo 'Si mi rayo no te alcanza', ademais de ofrecer ao público varios dos seus temas máis coñecidos e famosos.
CICLO VERÁN EN POIO
O ciclo de concertos do Verán en Poio comezará o venres 13 de agosto coa actuación da orquestra Grupo América, que tamén será no campo de fútbol de Samieira. Neste caso, seguirase o sistema xa realizado durante os concertos das Festas de San Xoán, cun aforo limitado que se irá completando sen necesidade de adquirir entradas previamente.
Por outra banda, a Concellería de Festexos tamén está pendente de fixar unha nova data para a actuación de Pelepau, que estaba prevista para o pasado 1 de agosto no parque de Costa Xiráldez, en Lourido, pero que se tivo que suspender por culpa das inclemencias meteorolóxicas.
Ademais destas actuacións, o Concello de Poio ten previstos os concertos de Efecto Pasillo e La Ocaband e tamén os que se ofrecerán durante a festa do Mar, que será presentada nas vindeiras semanas.
Finalmente, en setembro con motivo da Festa da Ameixa, actuarán en Campelo M Clan e Doctor Queen.
Todos os concertos, iniciados xa en xullo co festival Sons de Ánkar, son de carácter gratuíto e se reparten por todas as parroquias do municipio.