O FICBUEU 2021 avanza os contidos dunha programación que mira para Canadá
Por Redacción
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá do 10 ao 19 de setembro no Centro Social do Mar, vai debullando a súa programación co anuncio dos contidos da Sección Retrospectiva que, neste 2021 pon a mirada nas obras do National Film Board of Canada, a maior produtora pública do mundo, que tamén protagoniza o segundo dos Cadernos FICBUEU.
O luns 13 ás 16:30 horas terá lugar a presentación de Cadernos FICBUEU #2: O National Film Board of Canada e a súa "idade dourada" da curtametraxe (1965-83), monográfico editado en galego e inglés co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e mais da Embaixada de Canadá en España. O subdirector do FICBUEU e responsable da publicación, Severiano Casalderrey, exporá os detalles deste estudo, co que se amplía o carácter divulgativo e investigador do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.
A presentación pecharase coa proxección de In the labyrinth (1979), como apertura da Retrospectiva que se desenvolverá do martes 14 ao venres 17 ás 17:30 horas. Con esta sección, búscase poñer en valor curtametraxes que tiveron un importante papel na historia do cinema, desta volta repasando as case dúas décadas desa "idade dourada" do NFB a través de 24 filmes que ofrecen unha variada panorámica de xéneros e temáticas. Ademais, as persoas que asistan ás catro sesións levarán de balde un exemplar de Cadernos FICBUEU #2.
O National Film Board of Canada centrará tamén a Sección Carta Branca, unha das novidades do festival, con cinco títulos seleccionados por Marc Bertrand, quen desde 1998 vén exercendo como produtor no estudo de animación francés da NFB e conta con máis dun cento de traballos ás súas costas, moitos deles recoñecidos con importantes galardóns. Bertrand estará en Bueu o luns 13 de setembro para presentar esta escolma, que se proxectará a partir das 18 horas.
Por último, Canadá vai estar tamén presente na Sección Internacional, con tres curtas das 24 que compoñen o principal apartado competitivo do FICBUEU 2021.
Relacionadas:
-
Os locais de Bueu servirán tapas con títulos de películas coincidindo co FICBUEU
Por Redacción |
-
O festival de curtas, con dez días de proxeccións e actividades, volve situar en Bueu o epicentro da sétima arte
Por Redacción |
-
As entradas para o FICBueu xa están á venda
Por Redacción |
-
Nove curtametraxes, finalistas na Sección Escolas Galegas do FICBUEU 2021
Por Redacción |
-
O FICBUEU recupera a programación previa á pandemia
Por Redacción |
-
O actor Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2021
Por Redacción |
-
O FICBUEU empeza a conta atrás: proxectará 128 curtas de máis de 30 países do 10 ao 19 de setembro
Por Redacción |