Joe Dante, director de 'Gremlins', premio de honra de Curtas Festival do Imaxinario
Por Redacción
O invitado de honra da 49 edición de Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa será Joe Dante, o lendario director norteamericano. Durante o sábado 30 de outubro, cando conclúa o festival cinematográfico, o realizador da mítica 'Gremlins' recibirá o galardón como recoñecemento á súa contribución ao xénero fantástico.
Dante comezou a súa carreira como editor para o produtor Roger Corman ata que comezou a súa carreira como director con 'Hollywood Boulevard' no ano 1976, unha película que realizou xunto a Allan Arkush. En 1978 debutaba en solitario coa película 'Piraña' e en 1981 estreaba ' The Howling', filme que celebra o seu 40 aniversario neste 2021.
Pero o gran salto á fama do director norteamericano chegou coa colaboración con Steven Spielberg como produtor. Nesta etapa dirixiu un dos segementos da adaptación cinematográfica da serie 'The Twilight Zonte', para despois lograr grandes éxitos de público con 'Gremlins', estreada en 1984, a súa secuela e 'O chip prodixioso'.
Entre a súa carreira destacan outros títulos como 'Non matarás o veciño', 'Matinee' ou 'Nightmare Cinema', de 2018, última longametraxe deste creador.
Durante Curtas Festival do Imaxinario, que se celebrará en Vilagarcía entre o 22 e o 31 de outubro, realizarase un encontro con Joe Dante, que visitará Galicia por primeira vez na súa vida. Ademais expoñeranse reproducións de sets a tamaño real, pezas orixinais de ' Gremlins' e unha homenaxe de varios ilustradores internacionais á película.
Relacionadas:
-
O Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía, declarado evento de Interese Turístico Local
Por Redacción |
-
'The Sadness' recibe o premio á mellor película do Curtas 2021 coa presenza do mítico Joe Dante
Por Redacción |
-
Kohell e Jesús Merino amosan a súa traxectoria creativa no Auditorio de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Nova edición dos Rías Baixas Film Fest con oito citas entre setembro e decembro
Por Oskar Viéitez |
-
Os monstros do cine dos 80 serán a imaxe da 49 edición do Curtas Festival do Imaxinario
Por Redacción |