Os Premios Galegos da Música volverán a Pontevedra nunha edición cun galardón Organistrum especial
Por Redacción
Os Premios Martín Códax da Música volverán ter a súa sede en Pontevedra. A súa oitava edición botou a andar este xoves cunha presentación oficial na Sala Sónar de Santiago de Compostela e a partir do 23 de agosto abre o periodo de inscricións de proxectos musicais.
Os procesos de selección e votación culminarán na gala dos premios o 27 de outubro, tal e como se anunciou este xoves.
A concelleira de promoción económica, Anabel Gulías, acudiu á presentación e destacou que o Concello de Pontevedra quere mostrar o seu "compromiso co sector musical", que vai alén dos grupos e das artistas e pasa por técnicos de son, montadores, salas de concertos ou produtores.
"Queremos seguir ao seu lado nas loitas e nas vindeiras batallas", sinalou Gulías, que ten moi presente o difícil momento que pasa o sector en plena pandemia da covid-19. Así, sostivo que hai dúas palabras que encaixan a perfección con este momento, "resistencia e resilencia" e estes premios son "unha boa oportundiade non só para amosar todo o talento da Galiza, senón tamén son un momento para a reflexión, de punto de encontro e de avance para o futuro está por vir".
Os Premios Martín Códax da Música establecen o mesmo número de premios que o pasado ano, porén introducen algunhas novedades vinculadas ao tempo de pandemia que estamos a vivir. É o caso dos Premios Organistrum, que recoñecen salas, festivais e proxectos de comunicación musical, que este ano só abrirán inscrición para esta última categoría.
Desde Músicas ao Vivo destacan que este ano as salas de concertos galegas permaneceron pechadas durante longos períodos de tempo, moitas aínda continúan sen abrir e algunhas mesmo pecharon definitivamente. Do mesmo xeito, a celebración dos festivais galegos viuse tamén moi afectada pola situación desencadeada pola covid-19 e moitos deles non puideron levarse a cabo con normalidade. Dadas estas circunstancias, a asociación non considera oportuno que nesta edición as salas e festivais sexan sometidas ao escrutinio do xurado.
A organización quixo "brindarlles de xeito unánime" todo o seu apoio e recoñecemento neste momento tan complexo para todos e entregará un premio extraordinario nestas dúas categorías, outorgado directamente pola asociación do mesmo xeito que se fai anualmente co Premio Honorífico.
Ademais, prémianse 17 categorías musicais: Pop e Indie, Rock, Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Reggae, Ska e Mestizaxe, Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Músicas do Mundo, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais e Bandas de Música Popular.
Relacionadas:
-
Pablo Barreiro, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2021
Por Redacción |
-
Gustavo Almeida ou a exposición 'Cantámola en galego', finalistas dos VIII Premios Martín Códax da Música
Por Redacción |
-
Os Premios da Música entregaranse en Pontevedra o 21 de outubro
Por Alejandro Espiño |
-
Concerto solidario a favor de Unicef da Coral Polifónica de Pontevedra e a Xove Orquestra Filharmónica
Por Redacción |