Os Roteiros Literarios regresan a Pontevedra da man de Xosé Monteagudo
Por Redacción
A reactivación da cultura en Pontevedra continúa da man da Deputación cos Roteiros Literarios, que se porán en marcha o vindeiro 5 de setembro en cidades e vilas que son escenario ou que inspiraron obras literarias.
Serán os tres domingos de setembro e os dous primeiros de outubro en horario de 11:00 a 13:30 horas polos concellos de Pontevedra, Vigo, Moaña, Salvaterra e Silleda. En total haberá 125 prazas, 25 para cada roteiro.
O programa volverá contar coa colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que guiarán aos participantes polas obras propias ou alleas ambientadas nos respectivos espazos.
Pontevedra será escenario dos Roteiros Literarios o 10 de outubro, data na que rematará a actividade. O autor Xosé Monteagudo guiará o titulado "Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos", que percorrerá escenarios desa novela, en especial os espazos onde se situaban os cafés dos anos 20 e 30 do século XX, algúns edificios relacionados co pulo da docencia nesa época ou os lugares relacionados coa fundación do Partido Galeguista.
Vigo será o lugar onde arranque a programación. Será o 12 de setembro co "Roteiro de dramaturxia en Vigo", que conducirá o dramaturgo Ernesto Is e que percorrerá espazos que foron inspiración para Marta Pérez, Cunqueiro, Valle-Inclán, María Xosé Queizán ou o propio Is.
O 12 de setembro o actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso ofrecerá en Moaña o paseo "O ronco do carneiro", donde contará historias de fuxidos polso montes de Domaio.
En Salvaterra, Raquel Castro guiará "Versos de auga e viño" o día 24 de setembro, con paradas en lugares que evocan a pegada de Cunqueiro, Manuel Puente ou Xela Arias.
Finalmente, o día 3 de outubro será o turno de Silleda. Ana Cabaleiro percorrerá con "Memoria e ficción no relato rural" o centro urbano da localidade.
As inscricións poderán realizarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto.