'O país das bandas' chega a Sanxenxo cun concerto da Banda de Lalín
Por Redacción
O ciclo musical 'O país das bandas' chega esta semana a Sanxenxo. Será o xoves 26 de agosto cun concerto da Banda de Lalín na Praza dos Barcos ás 22.00 horas.
O repertorio previsto para esta actuación inclúe Sinfonía sobre motivos de zarzuelas, Duetto di concerto, Symphonic Metamorphosis, Sinfonía Romaría e Jesús do Curro.
Fundada en 1942 coa agrupación de preto dunha vintena de músicos procedentes de diversas bandas existentes no concello, a Banda de Lalín asenta as bases da actual formación en 1992. Dirixida actualmente por David Fiuza Souto, conta con dúas bandas escola, infantil e xuvenil, que garanten o seu futuro.
Ademais, a Banda de Música de Sanxenxo ofrece un concerto ao día seguinte, o venres 27, en Valga, ás 20.00 horas, baixo a batuta de José Varela Pardo e coas pezas Santiago Mestre, Elisabeth e Rapunzel. Soarán tamén Estrasantico, La leyenda del beso, Campo de Noia, Muiñeira dos pendellos e Mozos do penedo.
'O País das Bandas' arrincou o pasado 1 de xullo promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. Percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3.600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.