Non haberá Surfing the Lérez ata 2022
Por Alejandro Espiño
Por segundo ano consecutivo, Pontevedra queda sen o seu gran festival de verán. O Surfing the Lérez, que fora reprogramado para setembro pola pandemia, foi cancelado. Así o confirmaron os seus organizadores. Non regresará ata 2022.
"Está suspendido ata o ano que vén", sinalou Marcos Rivas a PontevedraViva. "Creo que é o mellor", engade o director do festival.
As restricións que aínda están vixentes pola covid-19 dificultaron excesivamente a súa organización, especialmente ao celebrarse nun espazo aberto "que é moi difícil controlar".
Esta decisión, que foi acordada co Concello, chega tras meses estudando a mellor forma para poder celebralo. Mesmo se barallou crear 'parcelas burbulla' para que non houbese interacción entre persoas non conviventes ou diferentes grupos de amigos.
Pero, a pesar de todos os esforzos, non haberá festival porque "o efecto chamada do Surfing é moi gordo", explica Rivas, o que podería xerar grandes aglomeracións de xente, especialmente mozos e mozas, nas inmediacións da Illa das Esculturas.
"Mentalmente non estou preparado para iso", sinala o director do festival, que engade que esta decisión tamén está motivada pola incerteza que provocan os continuos cambios nas restricións, ao non saber ata o último momento que medidas haberá que adoptar.
Para 2022, o Surfing the Lérez tentará contar coa maior parte de artistas e bandas que deberían actuar na edición de 2020, a primeira suspendida pola pandemia.
O obxectivo, que os pontevedreses poidan gozar en todo o seu esplendor desta auténtica romaría musical que se converteu nunha cita ineludible para o verán e que, sen dúbida, todos botamos de menos.