O Festival Revenidas recupera os seus 'Concertos a bordo' con seis grupos musicais surcando a ría de Arousa
Por Redacción
A música ao vivo volverá á ría de Arousa a bordo da embarcación tradicional 'O Chasula'. O Festival Revenidas, que se celebrará os próximos 9, 10, 11 e 12 de setembro en Vilaxoán, recuperará os seus 'Concertos a bordo', nos que seis grupos navegarán mentres actúan e os asistentes gozan de propostas gastronómicas galegas e da cultura mariñeira.
Logo de dous anos de parón, os asistentes poderán de novo vivir esta experiencia marítima única pola Ría de Arousa a bordo do Chasula.
'Concertos a bordo' converteuse nunha das experiencias turísticas máis reclamadas do festival e este ano contará con seis citas, tres saídas o sábado 11 e outras tres o domingo 12 dende o porto de Vilaxoán.
O aforo máximo será de 10 persoas e cumpriranse todas as medidas sanitarias que marca o protocolo.
O sábado estarán Pauliña, Dakidarría (intimísimo) e Xiana e Andrea, da Banda da Loba. O domingo será a quenda de Jásper e Nébeda, Sofía Espiñeira e Leo e Arremecaghoná.
As entradas para asistir poderán adquirirse, a partir deste venres ás 12:00 horas, en www.revenidas.com a un prezo de 20 euros máis gastos de xestión. Para os menores, o prezo será de 12 euros.
Relacionadas:
-
Revenidas volve a Vilaxoán con actuacións en tres escenarios
Por Redacción |
-
Visitas guiadas, música e espectáculos para toda a familia centran o programa paralelo do Revenidas
Por Redacción |
-
Os Rías Baixas Fest pasan ao formato audiovisual para combater as violencias machistas
Por Natalia Puga |
-
O festival Revenidas pon á venda as súas entradas
Por Redacción |
-
Tanxugueiras, Verto, Boyanka Kostova, Guadi Galego e Los Rastreadores dan lustre ao cartel do Revenidas
Por Redacción |