Tres ficcións e dous documentais para "reflexionar" sobre a realidade árabe
Por Alejandro Espiño
Amal en Ruta volverá protagonizar o arranque da programación cultural de outono en Pontevedra. A sexta edición deste ciclo de cinema euroárabe desenvolverase entre os días 7 e 11 de setembro coa proxección de tres películas de ficción e dous documentais.
Así, o público pontevedrés poderá gozar de Adam (martes 7), a historia de superación dunha muller na que se aprecia como a comunidade serve de escudo protector; ou de For Sama (mércores 8), o diario dunha moza siria que dá a luz entre o horror da guerra.
It must be heaven (xoves 9) é unha cinta palestina dirixida por Elia Suleiman, un dos máximos expoñentes do cinema palestino con cintas cheas de retranca ao estilo galego.
O ciclo concluirá co documental Gaza (venres10), que retrata a vida cotiá na Fronte de Gaza; e con Tel Aviv on Fire (sábado 11), unha metaficción sobre o conflito árabe israelí.
Todos os filmes, que se exhibirán en versión orixinal subtituladas en castelán, poderanse ver no Teatro Principal, a partir das 21:00 horas. A entrada será gratuíta ata completar aforo, que será reducido polas restricións da pandemia.
"Para nós, volver contar con Amal en Ruta é algo moi valioso", sinalou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que destacou que a selección de títulos deste ano son dunha "calidade magnífica" e que convidan á "reflexión" sobre as diferentes realidades árabes.
Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, explicou que o ciclo busca achegar a sociedade árabe a Galicia, rompendo os estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.
Aínda que "son tempos complicados" para a produción de cinema, pola pandemia e os conflitos actuais en Oriente Medio, Martínez defendeu que a "marabillosa" selección de filmes, que inclúe un título que se achega ao conflito palestino "en clave de comedia".
Aproveitando a presentación do ciclo, o seu director fixo un chamamento ás sociedades occidentais para "apoiar, acoller e axudar ás persoas que escapan do horror para ter unha vida digna", rexeitando os discursos xenófobos contra refuxiados e inmigrantes.
Lembrou que, durante a ditadura franquista, moitos españois desembarcaron en Alxeria e Marrocos "e ninguén nos pechaba as portas", polo que pediu "empaparse" das culturas doutros países "para ser persoas máis civilizadas".
Relacionadas:
-
Pontevedra alístase á Guerrilla cultural para remover conciencias
Por Redacción |
-
O ciclo Amal en Ruta continúa en Pontevedra cun documental sobre a vida en Gaza
Por Redacción |
-
Volve o Festival das Núbebes con catro compañías galegas de "renome"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A mirada cómica dun palestino sobre occidente, no ciclo Amal en Ruta
Por Redacción |
-
Amal en Ruta trae a Pontevedra un documental con perspectiva feminina sobre a guerra de Siria
Por Redacción |
-
Unha oda ás mujeres marroquís inaugura o ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta
Por Redacción |
-
Pontevedra presenta o seu "telescopio cultural" cunha programación "de luxo" ata final de ano
Por Alejandro Espiño |