Experimentación, abstracción e natureza na exposición de Luisa Valdés
Por Redacción
'Intemperie' é a exposición da artista coruñesa Luisa Valdés que se pode visitar ata o venres 10 de setembro no Espazo Nemonon de Pontevedra (Marqués de Riestra, 11). Valdés é Graduada na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da Coruña e Diplomada na Escola Nacional Superior de Belas Artes de París.
A súa traxectoria está marcada pola experimentación e a abstracción referenciada na natureza e na procura de novos rexistros na súa produción. "O azar e o momento no que estou a pintar convértese para min na parte máis interesante do meu traballo, sempre me sorprende, é ás veces o propio material o que traballa e eu observo as súas formas accidentais como as observo nas paisaxes. Pintura imperativa, trazada coa técnica do monotipo, debedora da decalcografía de Max Ernst, onde a pegada e o azar forman parte constitutiva do proceso, entendido como unha procura da textura intuitiva, expresiva e sensorial" sinala a autora.
Ademais da súa produción artística, coordina e deseña talleres de Arte para nenos ensinándolles artistas e movementos de vangarda de forma creativa e espertando o interese polas obras de arte. De igual forma colabora na difusión do traballo das mulleres artistas e as reivindicacións de xénero nos diferentes campos artísticos.
Outra das facetas en que traballa é a divulgación artística e neste ámbito colaborou con entidades como a Biblioteca da Deputación da Coruña, a Fundación Seoane, a Fundación Jove, o Concello de Culleredo ou o Colexio de Arquitectos de Vigo, entre outros.
Relacionadas:
-
O artista pontevedrés Tebo expón os seus 'Dispositivos' no Espazo Nemonon
Por Redacción |
-
O Museo rexistra o mellor agosto da última década con case 42.000 visitantes
Por Redacción |
-
O Espazo Nemonon ofrece esta tarde un concerto acústico de blues, reggae e rumba
Por Redacción |
-
O pontevedrés Pablo Diego Dios presenta 'Alén', novela antropolóxica sobre a Galicia esotérica
Por Redacción |