O Cineclube retoma a programación no Teatro Principal
Por Oskar Viéitez
Chega setembro e canda el o Cineclube de Pontevedra retoma a programación no Teatro Principal. Por diante, un mes cargado de cinema actual, de filmes que emocionan: o humor absurdo de Quentin Dupieux; a mirada de Clarisa Navas sobre o barrio correntino de Las Mil e sobre como as amizades axudan a artellar unha resistencia queer na periferia; o delicadísimo western de Kelly Reichardt sobre as orixes dos Estados Unidos; e un pequeno foco sobre o inmenso mestre Tsai Ming-Liang, que inclúe a proxección da súa última grande obra.
O luns 13 de setembro ás 20:30 horas está programada no Teatro Princiapal unha sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia para ver a película "Goodbye, Dragon Inn", dirixida por Tsai Ming-Liang, en versión orixinal subtitulada en español.
O martes 14, á mesma hora, poderase ver o filme francés "Mandibules" de Quentin Dupieux e a seguinte semana, o martes 21, a coproducción arxentino-xermana "Las mil y una", de Clarisa Navas.
Para o luns 27 está programada outra sesión en colaboración coa Filmoteca de Galicia para ver en chinés "Rizi", de Tsai Ming-Liang, intencionadamente non foi subtitulada, por desexo expreso do director.
E por último o martes 28, sempre ás 20:30 horas e no Teatro Principal, pecha a programación de setembro a película "First Cow", de Kelly Reichardt que foi subtitulada en galego por Numax, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Avalon.
Relacionadas:
-
O Cineclub programa seis proxeccións para o mes de novembro
Por Redacción |
-
'Cinema e Estrelas' levará a sétima arte á praza da Pedreira
Por Redacción |
-
'Ambienta', cinema pola diversidade sexual, de xénero e familiar do 2 ao 7 de xullo na praza da Pedreira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Cineclube pecha tempada con Ingmar Bergman e dúas películas de Éric Rohmer
Por Redacción |