Trinta e oito obras nacidas en tempos da pandemia exhíbense en Pontevedra
Por Redacción
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle desde este venres unha nova edición de Do final e do comezo, a exposición na que a Facultade de Belas Artes reúne cada ano unha selección de obras realizadas polos novos titulados como parte dos seus traballos de fin de grao.
Coas profesoras Covadonga Barreiro e Sonia Tourón, a mostra reúne as obras de 38 alumnos e alumnas. Pódese visitar ata o 26 de setembro. De martes a sábado estará aberta de 18 a 21 horas. Ademais, os sábados e os domingos tamén de 12 a 14 horas.
Baixo o título "Unha odisea no Pazo", Do final e do comezo busca reflectir o traballo de dúas xeracións de artistas que desenvolveron os seus proxectos artísticos no medio dunha situación "complexa, restritiva e incerta", segundo as coordinadoras da mostra.
A situación provocada pola covid-19 reflíctese na presenza na mostra de ideas como o refuxio ou a fuxida, así como no feito de que "sexan menos ambiciosas no sentido da montaxe, xa que moitas delas fixéronas nas súas casas", afirman as comisarias.
Trátase así mesmo, como salientaron as súas responsables, dunha exposición que pretende ser "plural e representativa", co propósito de dar cabida a múltiples disciplinas. Pintura, escultura, videoarte, fotografía e publicacións forman parte desta exposición.
A exposición física complementarase de xeito virtual, a través dos códigos QR que acompañan ás fichas técnicas de varios dos proxectos e que permitirán acceder a outras partes non expostas ou obras que, pola pandemia, non será posible manipular.
Os artistas que participan son Nahir Álvarez, María Barca, Mateo Barcia, Doira Barrio, Rosalía Bello, Carolina Bouza, Sara Camaño, Noa Castro, Lara Cores, Susana Díaz, Pepe Eiras, Bea Fernandes, Carla Fernández, Helena Fernández, Nuria Ferreiro, Laura Ferro, Uxía Francisco, Ana Gómez, Daniel Jácome, Ricardo Lede, Manuel Lema, Lucía Lobelle, Nicolás López, Alba Matilla, Sabela Mato, Anubis Muñoz, Cora Novoa, Ana Núñez, Beatriz Paniagua, Laura Pérez, Wêdyla Rodrigues, Andrea Rodríguez, Samuel Rodríguez, Sofía San Claudio, Aarón Santos, Ruth Vidal, Luis Villanueva e Antón Yáñez.