Revenidas volve a Vilaxoán con actuacións en tres escenarios
Por Redacción
A poucos días para que Vilaxoán acolla unha nova edición do festival Revenidas, unha das citas indispensables dentro da programación cultural estival da provincia, a XVII edición foi presentada nun acto celebrado na localidade vilagarciá.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; e o director do festival, Xoán Quintáns, entre outras autoridades, foron as persoas encargadas de dar o pistoletazo de saída a un Revenidas que, segundo destacou Carmela Silva, "ten algo que o identifica: a recuperación da tradición para que, chegados a este século XXI, non perdamos o que somos".
O acto de presentación contou actuación de Pauliña, que será unha das artistas do festival. Tamén estivo presente o artista urbano O Ras, quen realizou un graffiti inspirado no festival.
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, lembrou que "Vilaxoán é unha terra de mariñeiros e mariñeiras, de amantes da música, unha terra de xente reivindicativa que transformou unha materia prima como foron as revenidas nun dos eixos de potenciación turística do territorio". Revenidas toma o seu nome das sardiñas da zona que teñen un sabor e un tamaño característico.
Pola súa banda, Xoán Quintáns, director do festival, explicaba claro que "Revenidas volve adaptado, intentando manter a súa esencia". Aproveitou a ocasión para anunciar o "Revenidas ilustrado", que consistirá en que varias ilustradoras e ilustradores retratarán aos artistas e as láminas venderanse posteriormente nunha poxa para destinar o beneficio obtido a fins solidarios.
O Revenidas, unha das pezas integrantes do programa Rías Baixas Fest da Deputación de Pontevedra, volverá conxugar gastronomía, cultura mariñeira, circo e concertos a bordo da tradicional "chasula", o que converterá a asistencia nunha auténtica experiencia turística e cultural.
PROGRAMACIÓN DE REVENIDAS 2021
O festival celebrarase entre este próximo xoves, día 9 de setembro, e o domingo 12 en tres escenarios: Xacobeo 21-22, FestGalicia e Deleite, este último na praza Rafael Pazos e orientado a actividades para un público familiar.
Revenidas conta cunha vintena de concertos nos que fai unha grande aposta pola música galega e a presenza de mulleres con grupos como Tanxugueiras (xoves 9), A Banda da Loba e Guadi Galego (sábado 11) ou Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre (domingo 12), ademais dunha coidada escolma musical con Ciudad Jara (venres 10), Talco Maskerade (sábado 11) ou Zoo (domingo 12).
Ademais, haberá actividades paralelas de carácter cultural, lúdico e infantil que se desenvolverán dende o mércores 8 ata o domingo 12, e terán como epicentro a praza Rafael Pazos.
Entre elas destacan unha visita guiada e musicada pola vila con degustación de produtos mariñeiros titulada "Redescubre Vilaxoán con Xurxo Souto", que terá lugar o día 8, e "Desastronauts", un espectáculo de voadores realizado por Raquel Veganzones e Girisho Gordon, graduados na escola londinense The Circus Space.
Toda a información do festival pode atoparse no seu sitio web: www.revenidas.com.
Relacionadas:
-
Baiuca, Dubioza Kolektiv, SFDK, Zoo, Ladilla Rusa e Lendakaris Muertos, no Revenidas 2022
Por Redacción |
-
O Festival Revenidas pecha a súa edición do 2021 cunha asistencia superior a 7.000 persoas
Por Redacción |
-
Visitas guiadas, música e espectáculos para toda a familia centran o programa paralelo do Revenidas
Por Redacción |
-
O Festival Revenidas recupera os seus 'Concertos a bordo' con seis grupos musicais surcando a ría de Arousa
Por Redacción |
-
Os Rías Baixas Fest pasan ao formato audiovisual para combater as violencias machistas
Por Natalia Puga |
-
Tanxugueiras, Verto, Boyanka Kostova, Guadi Galego e Los Rastreadores dan lustre ao cartel do Revenidas
Por Redacción |