Sanxenxo programa un ciclo de teatro no Pazo Emilia Pardo Bazán
Por Redacción
A Concellería de Cultura de Sanxenxo programa un ciclo de teatro para as fins de semana de setembro, outubro e novembro no Pazo de Emilia Pardo Bazán. A entrada é gratuíta ata completar aforo, previa reserva de entradas no 986 727 936.
A actividade comeza o vindeiro sábado, 18 de setembro, ás 21 horas con “Os noivos para Carlota” co grupo de teatro Suavila do Club de Xubilados de Sanxenxo. O domingo, 26 de setembro, ás 19 horas, será a quenda de “A familia sempre unida”, co grupo Maruxía do Club de Xubilados de Portonovo. A representación conta a historia de Don Vidal, un vello ricachón que se pon moi enfermo e a familia acode á súa casa por se chega o fatal desenlace.
“Animais de compañía” será representada polo Teatro Noroeste o sábado 2 de outubro, a as 18 horas. Trátase dunha comedia musical onde se abordan as relacións humanas e móstrase a importancia do respecto ás diferenzas. “O reino da extinción” é unha comedia hilarante que aborda a problemática da perda do noso patrimonio inmaterial e que busca reactivar esa conciencia no público. Será o 9 de outubro, ás 21 horas.
A compañía Panadaría achegará o 11 de outubro a Sanxenxo, ás 21 horas, a obra “Elisa e Marcela. Historias que parecen contos”, ambientada en 1901, conta a historia de dúas mulleres que casan na igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística atraves do Fondo Xacobeo 21-22.
O venres 22 de outubro, ás 20 horas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística acerca a Sanxenxo a proxección audiovisual do documental “ Xela Arias. Poeta nas marxes” dirixido por Beatriz Pereira. O 6 de novembro, ás 18 horas, Baobab Teatro representa a obra “ Mai mai” que conta a historia dunha muller forte e emprendedora e un famoso fotógrafo que busca a último cuadrilla do planeta. Unha obra incluída no programa Tornar ás táboas da Deputación de Pontevedra.
O ciclo conclúe o domingo, 14 de novembro, ás 18 horas con “Dreaming Juliet” da compañía Elefante Elegante. A obra inspírase en Romeo e Julieta de William Shakespeare. A representación está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística atraves do Fondo Xacobeo 21-22
Relacionadas:
-
Sanxenxo abre o prazo de matrícula para a escola de música municipal
Por Redacción |
-
Valentín García Gómez, secretario de Política Lingüística, recibe o XII Premio de Sanxenxo na Historia
Por Redacción |
-
Música, humor, maxia e tradición encherán Sanxenxo durante doce días consecutivos
Por Redacción |