O Festival Revenidas pecha a súa edición do 2021 cunha asistencia superior a 7.000 persoas
Por Redacción
"O mellor Revenidas posible que se podía facer nesta situación", así resume Xoán Quintáns, un dos organizadores do festival, o que se viviu en Vilaxoán dende o mércores ata o domingo.
Máis de 6.500 persoas pasaron polo recinto do festival durante os catro días nos que se celebraron os concertos. O máis concorrido foi o da noite do domingo, que citaba a Zoo, Monoulious Dop e Mounqup, no que se cubriron por completo as 1.500 prazas de capacidade que tiña o recinto.
A todos eses asistentes hai que sumar os que acudiron aos espectáculos familiares que se desenvolveron todos os días na praza Rafael Pazos, os que asistiron aos concertos a bordo do Chasula e os que participaron no roteiro guiado por Xurxo Souto. En total, máis de 7.000 persoas ás que participaron nas actividades que propoñía esta edición do Revenidas.
A programación cumpriuse estritamente e celebráronse todas as actividades previstas: 16 concertos no recinto, seis a bordo do Chasula, catro espectáculos no escenario Deleite, o roteiro guiado, o showcoking Mahou e dúas sesión da Duendeneta-Fest Galicia.
A maiores da súa vertente artística e cultural, o Revenidas amosouse de novo como un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa contorna. O festival xerou arredor de cen postos de traballo directos e outros 50 indirectos. A todo iso hai que sumar os beneficios que a presenza deses traballadores e dos asistentes aos concertos, chegados de toda Galicia, xerou na hostalería, aloxamentos e outros sectores económicos da zona.
Varias foron as novidades que incorporou a edición 2021 do Revenidas. Algunhas, como a división en dous sectores ou a colocación das cadeiras, viñan impostas polas restricións sanitarias. Outras, como a integración do parque de Dona Concha dentro do recinto do festival, amosáronse un grande achádego. O público valorou moi positivamente o feito de dispoñer dun espazo de sombra con mesas e cadeiras na zona gastro, ao tempo que serviu de zona de expansión dotando dunha considerable maior amplitude e sensación de liberdade ao recinto do Revenidas.
Tamén se valorou dun xeito moi positivo a colocación de dúas pantallas xigantes aos lados do escenario, a través das que se puideron seguir os concertos con todo detalle grazas as catro cámaras e a realización que se facía en directo.
Outra das novidades desta edición foi o ‘Revenidas Ilustra’, no que 15 artistas realizaron unha ilustración de cada un dos grupos que participaron no festival. Cada unha desas láminas foi asinada polo artista e dentro duns días subastaranse a través das redes de xeito solidario a favor da entidade que decidiron o propio artista e o ilustrador.