Rayden ofrecerá en Marín o seu único concerto este ano en Galicia
Por Alejandro Espiño
O festival Marín é música, o novo evento cultural que vén de nacer na vila, será o escenario no que o rapeiro madrileño Rayden ofrecerá o que é o seu único concerto en Galicia no 2021. Será o próximo sábado 9 de outubro.
A actuación, que terá lugar no Parque Azul de Marín, será o escaparate de presentación do seu último e exitoso álbum de estudio, Homónimo.
O cartel do evento, que se deu a coñecer no Museo Manuel Torres, pecharase co directo de García Mc & Nación Quilombo, nunha noite vibrante que porá o foco na palabra.
O promotor de Marín é música, Jordi Lauren, destacou que "será unha noite para gozar da música ao vivo e con total seguridade". A capacidade do recinto será de 900 persoas.
As entradas para o concerto, que será de pé, teñen un prezo de 15 euros. Poderán adquirirse a partir de mañá, ás 12.00 horas, a través da plataforma www.enterticket.es.
A apertura de portas será ás 19.30 horas e, unha hora máis tarde, os versos de García Mc -antigo membro de Dios ke te Crew- e a fusión cos ritmos do mundo de Nación Quilombo ofrecerán un espectáculo trepidante e innovador no marco do rap en galego.
A continuación será a quenda de Rayden, que presentará ao vivo, por primeira vez en Galicia, o seu sexto e último disco, Homónimo, no que se inclúen temas como La mujer cactus y el hombre globo ou El mejor de tus errores, con Alice Wonder.
Con este álbum, Rayden pon fin á súa triloxía musical sobre a palabra (Antónimo, Sinónimo, Homónimo). O 6 de novembro pechará a xira cun espectáculo en Madrid no que prevé celebrar os seus 20 anos de traxectoria sobre os escenarios.
Na presentación do festival, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, asegurou que a localidade está "encantada" de recibir un evento de calidade e con artistas de referencia coma este, demostrando ser un "referente" de como traballar o sector, os artistas e as administracións.
Relacionadas:
-
RADIO.- Todos queren a Tanxugueiras: "chégannos tantas peticións que tentaremos repartir participación por toda a península"
Por Marisa Ciordia |
-
A arte da palabra transfórmase en música en Marín con Rayden e García Mc
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O Museo Torres de Marín expón os seus tesouros
Por Redacción |