Ponte Caldelas acolle a presentación da exposición "Auga. O Sangue da Terra"
Por Redacción
O Centro Cultural de Ponte Caldelas acolle desde este mércores a exposición fotográfica "Auga. O sangue da terra", de Manuel Valcárcel. Esta iniciativa que nece como froito da colaboración entre o Concello, Abanca e Afundación, é de entrada gratuíta e permanecerá aberta ao público ata o próximo 15 de outubro de luns a venres, en horario de 16 a 20 horas.
Inaugurada polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o subdirector da oficina Abanca da, José Enrique Barreiro Graña; a exposición forma parte do proxecto "Corrente cultural", que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.
Na exposición realízase un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recolleitos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Zelandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.
«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que forma parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, en China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.
«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.