As pinturas de Rosa Crespo reabren a sala de exposicións do Palacete das Mendoza
Por Redacción
Tras ano e medio pechada pola pandemia, a sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, reabre as súas portas. Faino cunha mostra da pintora Rosa Crespo, que se poderá visitar ata o próximo 3 de outubro.
Galicia na miña pintura de Rosa Crespo ten como protagonista á camelia.
Crespo, nacida en Brasil e residente en Marín, estudou na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, especializándose en pintura e escultura.
A súa obra está chea de cores intensas e, na procura da reprodución da aparencia da realidade, a artista traballa de maneira especial a representación da camelia da que é unha grande cultivadora.
Ademais das naturezas mortas, as súas pinturas tamén abordan a paisaxe, concretamente a galega, cunha grande harmonía e riqueza de matices.
Tras esta exposición, están xa programadas outras dúas mostras de pintura neste último trimestre de 2021 que protagonizarán Juan Carlos Codeside, entre o 22 de outubro e o 7 de novembro, e Julia Barreiro, entre o 19 de novembro e o 5 de decembro.
A volta á actividade da sala de exposicións do Palacete das Mendoza traerá consigo a posta en marcha de itinerarios definidos e adaptados ás normas de prevención da covid-19 e cun aforo máximo permitido de ata 20 persoas.
O que non cambiará será o procedemento para optar ao espazo, que será por rigorosa orde de solicitude.