Concluída a edición 2021 do Festival de Curtas de Bueu, FICBUEU, queda ademais das experiencias particulares de todas aquelas persoas que durante dez días participaron do evento, unha memoria en papel. Trátase de libros coleccionables que cada ano van fixar nunha temática relacionada co cinema e as curtametraxes.
A iniciativa arrincaba o ano pasado. A súa autoría corre a cargo de Severiano Casalderrey, programador do Festival e que neste ano leva por título 'O National Film Board of Canadá e a súa idade dourada da curtametraxe (1965-83)'. Neste podcast do Cara a cara, mantemos unha didáctica charla sobre o NFB; unha entidade pública que a día de hoxe segue activa.
"En todos os libros a curtametraxe vai ser o protagonista. O ano pasado centrámolo nun movemento cinematográfico como foi a Nouvelle Vague francesa e este ano optamos por outro marco como é unha produtora. Unha vez fixada a idea, logo houbo que decidir cal. Para min o NFB é un dos referentes mundiais na curtametraxe e en cinema en xeral; pero tamén é moi descoñecido porque non ten nada que ver co cinema comercial", explica Casalderrey.
A presenza do National Film Board non só estivo na presentación deste libro, senón que tamén contaron coa asistencia deMarc Bertrand, "un dos produtores máis relevantes a día de hoxe e que segue mantendo a esencia do NFB, de diversidade, creatividade e experimentación" e quen tamén presentou algúns dos seus últimos traballos en Bueu.
Sinala Casalderrey en PontevedraViva Radio que é un libro é recomendable para todo tipo de público; tanto para os que profundaron na historia do Film Board, como quen se queira achegar á súa lectura por interese no cinema e as curtas. Pódese adquirir nalgunhas librerías de Bueu e estase distribuíndo nas sete grandes cidades galegas.