Pezas de Morricone e Juan Pardo soarán no concerto da Banda de Música de Cerdedo en Campo Lameiro
Por Redacción
'Bravo por la música', un tema que Juan Pardo fixo popular en Galicia nos anos oitenta e unha homenaxe ao desaparecido compositor italiano Ennio Morricone serán algunhas das pezas que interpretará este domingo a Banda de Música de Cerdedo na actuación prevista no municipio de Campo Lameiro dentro do ciclo 'O País das Bandas'.
Ademais, o repertorio inclúe outras obras como 'Algueirada gallega', 'Rosal de plata', 'Muiñeira dos pendellos', ademais de 'Les Miserables', 'I do it for you', de Bryan Adams ou 'Un cielo más'. Todos estes traballos soarán a partir das 19.30 horas na Praza do Concello este domingo 26 de setembro, con entrada libre.
A Banda de Música de Cerdedo naceu na segunda metade do século XIX a través dos irmáns Antonio e Francisco García Fernández e consolidábase, en 1870, co mestre Campio García. Durante a ditadura franquista desapareceu durante varias décadas, pero a agrupación retomou a actividade en 2014 grazas á Escola de Música de Cerdedo-Cotobade. Esta Banda atópase dirixida por José Luis Loureiro Durán e conta con 40 músicos.
O ciclo 'O País das Bandas', promovido pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares, inclúese na programación cultural do Xacobeo 21-22 cun calendario dun centenar de concertos pola xeografía autonómica que se iniciou o 1 de xullo.