A Aula de Teatro do campus de Pontevedra recupera a súa actividade
Por Oskar Viéitez
A aula de teatro do campus de Pontevedra recupera a súa actividade para que tanto o alumnado universitario como todas as persoas interesadas teñan a posibilidade de participar nun proceso de creación teatral.
Con inscrición gratuíta, esta aula de teatro cubriu xa nestes días as súas 20 prazas e insírese no programa de actividades impulsado ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade e o Concello de Pontevedra.
As persoas participantes nesta actividade irán abordando ao longo do curso as diferentes fases do proceso de preparación dunha montaxe teatral, co obxectivo final de levala ao escenario o vindeiro ano, no marco das xornadas Miteu de Pontevedra.
O actor e director e responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, será o responsable desta actividade que se desenvolverá ente os meses de novembro e maio na Facultade de Belas Artes e abrangue desde os exercicios preparatorios e a lectura e comprensión do texto ata a encarnación dos personaxes e a montaxe final.
A aula dividirá a súa actividade en dous bloques, un primeiro de iniciación e un segundo máis centrado na representación dunha peza teatral.
A obra resultante desta aula estrearase nas xornadas Miteu de Pontevedra, que se prevén levar a cabo en abril ou maio do vindeiro ano coa participación doutras compañías de teatro universitario, nacionais e internacionais.