Comeza en Mourente a rodaxe de 'Matria', unha coprodución de Matriuska
Por Mónica Patxot & María José Pita
Este 1 de outubro comezaba a filmación da película 'Matria' na parroquia pontevedresa de Mourente. Alí atopábanse os equipos de rodaxe da produtora Matriuska para desenvolver este proxecto que levará a firma do director vigués Álvaro Gago.
A fábrica de conxelados Santa Mar é unha das localizacións escollidas para o desenvolvemento da trama. A actriz protagonista, María Vázquez, destacaba a participación das traballadoras desta empresa. Con elas estivo a aprender o oficio da cadea de montaxe para utilizar as súas técnicas ao interpretar o seu papel na película.
O director decidiu tamén incorporar a estas traballadoras como personaxes. Deste xeito, Sonia, Carmen, Lucía, Soraya, Sandra, Manola e a súa filla Jeanette forman xa parte do elenco da película, que se estreará a finais de 2022.
O argumento vira sobre a vida de Ramona, unha muller que vive nun ambiente laboral e persoal cargado de tensión e imprevistos. A aparición de Xosé na súa vida convértese nunha sorpresa esperanzadora. A película baséase na curtametraxe homónima do mesmo director, que contou con gran aceptación en festivais internacionais, entre os que destaca o estadounidense de Sundance. Neste festival, a curta de Gago obtiña o gran premio do xurado no ano 2018. A produtora pontevedresa Matriuska asume a súa produción, xunto á madrileña Avalon e a catalá Ringo Media.
O luns 18 de outubro, o equipo de 'Matria' regresará a Pontevedra, con gravacións que se realizarán nas prazas da Ferrería e na Peregrina. A esta xornada de rodaxe inicial acudiron representantes de diferentes institucións como Jacobo Sutil, director de Agadic da Xunta de Galicia; Noemí Outeda, deputada provincial; e Carme Fouces, concelleira de Cultura en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Álvaro Gago, director de "Matria": "Teño unhas ganas tolas de compartila e que a xente a faga súa"
Por Alejandro Espiño |
-
A Berlinale abre a porta ao cine pontevedrés: "Matria" de Álvaro Gago competirá no festival
Por Alejandro Espiño |
-
Reactivación cultural con cautela
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
"Matria", a ópera prima de Álvaro Gago, inicia a súa rodaxe en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |