Outubro enche a Biblioteca Pública de música, narración oral, monicreques e obradoiros
Por Redacción
A biblioteca pública de Pontevedra Antonio Odriozola, xestionada pola Xunta, enche outubro de actividades dirixidas ao público familiar e infantil, con espectáculos de música, narración oral, monicreques e un obradoiro de teatro de papel.
Tamén haberá propostas enmarcadas na celebración do Día das escritoras e do Día das Bibliotecas, ademais doutras efemérides.
Así, tras o obradoiro de kamishibai, que significa teatro de papel en xaponés, desenvolvido o pasado venres, o día 8, será a quenda da música con Pablo Díaz e o seu concerto para público familiar "Novas vellas melodías", no que está acompañado polo guitarrista Rubén Barros.
Na xornada do 15, no marco da conmemoración do Día das escritoras, o 18 de outubro, terá lugar o espectáculo de narración oral "Cinema de historias da man de Alice Guy", con Raquel Queizás. O obxectivo é facerlle ver á rapazada que as historias poden contarse de diferentes maneiras e que o cinema tamén se le. As sesións para público infantil e familiar do mes péchanse o 29 cos monicreques de "As andainas dos Monifates e Don Gaiferos".
Todas as actuacións terán lugar ás 18,00 horas.
As persoas adultas teñen tamén un obradoiro específico de escritura creativa, conmemorativo do Día das escritoras. Desenvolverase os luns 18 e 25 de outubro, e o 8 de novembro, ás 18,00 horas con Ana Carreira. Para persoas de 16 anos en diante, nel ofreceranse os recursos, técnicas e mecanismos precisos para desenvolver o oficio literario.
En canto aos centros de interese previstos, outubro centrarase no Día das bibliotecas, que se conmemora o 24, con "Luces, cámara, acción... As bibliotecas contan!" dirixido ao público infantil e que se instalará o día 4, e outro específico para público xuvenil e adulto, que estará a partir do día 15.
Xunto a estes instalouse a mostra bibliográfica conmemorativa do Día da tradución, o pasado 30 de setembro, "Tamén en galego...", cunha selección de obras literarias traducidas a este idioma. Ademais, do 4 ao 13 haberá unha selección de películas de cinema español para levar en préstamo, no marco da celebración, na xornada do 6, do Día do cinema español. E, a partir do 18, co gallo do Día das escritoras, instalarase "Ler o que elas contan", unha escolma de volumes de autoría feminina.